A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Ábrese o proceso para constituír a Mesa de Traballo dos Lumes Forestais en Galiza que a Xunta se nega a crear

Ábrese o proceso para constituír a Mesa de Traballo dos Lumes Forestais en Galiza que a Xunta se nega a crear

7 de Xullo do 2017

Mesa dos Lumes

Diego Sánchez Agra (Sindicato Labrego Galego), Xosé Santos (Amigos da Terra) e Xabier Gómez Santiso (Asociación Frouma) ofreceron, o 6 de xullo, unha rolda de prensa na Galería Sargadelos de Compostela para abrir o proceso de constitución dunha Mesa de Traballo dos Lumes Forestais na que participen todos os axentes do sector na Galiza.

A intención desta mesa é a de crear un foro estable de traballo e diálogo de cara a que o Plan de Defensa contra os Incendios Forestais (Pladiga) que desenvolva a Xunta responda realmente ás demandas e necesidades da sociedade galega e non a unha planificación que a Dirección Xeral de Montes copia e pega, case sen cambios, ano tras ano; e que, ano tras ano, fracasa: temos o 50% dos lumes do Estado e o 30% da superficie arrasada.

Aínda que o foro onde se debería traballar e debater todo isto é o Consello Forestal de Galicia, a Consellaría de Medio Rural fai imposible a participación dos axentes sociais que formamos parte del. Dende a creación do Consello Forestal, no ano 2004, estase pedindo a creación dunha mesa de traballo específica para planificar a loita contra o lume. Porén, dende aquela non se fixo caso desta petición.

O actual Pladiga, aprobado polo último Consello da Xunta, foi presentado aos axentes do Consello Forestal un venres pasado o mediodía, cando a xuntanza do Consello era o luns seguinte e estamos a falar dun documento de máis de 300 páxinas, ao que habería que sumar anexos e documentación adicional. O lóxico sería que as organizacións que estamos no Consello Forestal poidamos facer achegas ao longo do ano sobre as eivas do Pladiga do ano anterior e sobre as melloras do presente. Pero desta vez tampouco foi posible.

600.000 € para o exército español: Un soldado cobra só en dietas o triplo do salario dun peón de brigada contraincendios

O Pladiga 2017 ten un orzamento de 174 millóns de euros, o meirande para labores de extinción, case nada para prevención (que é o gasto que se debería potenciar), e con moitos gastos difíciles de xustificar. Un bo exemplo disto último é o convenio establecido entre a Xunta e o exército, caso único no Estado Español e, posiblemente, en Europa. A pesares de que o exército se mantén con cartos públicos, a Xunta orzamenta preto de 600.000 € para financiar o seu apoio. Moitos destes cartos van destinados a pagar as dietas dos efectivos: 77 € por día para soldados rasos, e 103 € para oficiais e suboficiais. Desta maneira, prodúcense inxustizas como que un soldado pode cobrar só coas dietas de 10 días máis que o salario mensual do peón dunha brigada municipal contra incendios. E iso sabendo que o soldado non está especializado na loita contra o lume e só realiza labores de vixilancia, non de extinción. Só cos cartos destinados a pagar ao exército, poderíanse desbrozar e limpar 2.400 quilómetros de vías de comunicación e estradas como labor preventivo contra o lume.

Temos detectado moitas eivas doadas de solucionar, pero non puidemos compartilas no Pladiga 2017. Por exemplo, a día de hoxe, xa en época de máximo risco de incendios, están sen facer o meirande dos labores de prevención previstos nos distritos forestais galegos. Gastáronse 7 millóns de euros nun sistema de comunicación Tetra (Terrestrial Trunked Radio) que fallou estrepitosamente nas vagas de lumes en Ferrolterra e na Ribeira Sacra da precampaña de incendios. Mesmo vimos que o Pladiga, a base de cortar e pegar, contempla moitas torres de vixilancia que non existen por levar varios anos pechadas.

En canto ao persoal, reducíronse notablemente o número de axentes forestais, nalgúns distritos até o 50%; e as brigadas teñen cada vez menos efectivos, habendo algunhas compostas só por unha ou dúas persoas, cando o mínimo de efectivos deberían ser cinco. En canto á información e formación sobre riscos laborais do persoal de extinción é moi deficiente, cando se trata dun sector laboral no que houbo máis de 120 mortes nos últimos 20 anos.

Varias áreas de actuación nas que cómpre traballar

Todos estes son exemplos de que o Consello Forestal non está a funcionar como foro para tratar os problemas do sector e, diante da cerrazón da Consellaría de Medio Rural, tomamos a iniciativa para comezar o proceso de constitución dunha Mesa de Traballo dos Lumes Forestais, aberta á participación de todas as entidades do Consello Forestal de Galicia e aqueloutras sectoriais e da sociedade civil galega que o desexen, para contribuír a frear a lacra dos incendios.

Consideramos que as achegas das distintas sensibilidades e dos axentes das moitas áreas de traballo relacionadas co monte enriquecerán o proceso e conseguiremos chegar a unhas conclusións que contribúan a mudar o actual sistema de prevención e loita contra os incendios forestais. Tamén queremos convidar á Consellaría de Medio Rural a participar desta iniciativa e aportar a súa visión ao respecto.

Aínda que a dinámica das xuntanzas nos irá encamiñando na liña de traballo, un primeiro acercamento ó tema reflicte as grandes áreas de actuación que afectan directamente á problemática dos lumes e que poderían ser obxecto de análise:

  • POLÍTICA FORESTAL: Ordenación do territorio e de usos; planificación forestal; posta en valor do monte; divulgación, educación e concienciación.

  • PLANS DE DEFENSA: Transparencia e participación social e sectorial; zonificación e épocas de perigo; orzamentos; vixencia e prazos de presentación.

  • PREVENCIÓN: Planificación territorial; silvicultura; estrutura da paisaxe; temporalización das actuacións.

  • EXTINCIÓN: Servizo público; convenios; medios (terrestres, aéreos, parque de maquinaria); protocolos de actuación e coordinación; vixilancia e disuasión; medios humanos (estruturación das brigadas, categoría profesional, contratacións e condicións de traballo); prevención de riscos e seguridade e saúde no traballo.

  • INVESTIGACIÓN DAS CAUSAS: Coordinación dos servizos forestais e as forzas de seguridade

  • RESTAURACIÓN DAS ZONAS QUEIMADAS.

O obxectivo desta Mesa de Traballo é chegar a consensos nas políticas forestais e de prevención e extinción de incendios para atopar solucións que rematen coa maior eiva que afecta ao patrimonio natural galego. É posible rematar cos incendios forestais e é imprescindible o desenvolvemento sustentable dos nosos montes para garantir o futuro económico, ecolóxico e social do país.

Reiteramos o carácter aberto da iniciativa e dende hoxe traballaremos para a constitución da mesa e a convocatoria das xuntanzas.

Mesa dos Lumes

De esquerda a dereita: Xosé Santos (Amigos da Terra), Diego Sánchez Agra (Sindicato Labrego Galego) e Xabier Gómez Santiso (Asociación Frouma)