A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. II Foro de Agroecoloxía: Compra pública de alimentos ou o que se podería facer con 3.000 millóns de euros

II Foro de Agroecoloxía: Compra pública de alimentos ou o que se podería facer con 3.000 millóns de euros

21 de Decembro do 2017

Foro de Agroecoloxía

Para rematar os texto sobre o II Foro Labrego de Agroecoloxía, incluímos este sobre o conversatorio que houbo na tarde do domingo, 29 de outubro, ao redor da compra pública de alimentos, que é un dos mellores xeitos, por parte das diversas administracións, de apoiar as producións ecolóxicas: mercándoas para fornecer hospitais, comedores escolares, restaurantes e cafetarías de institucións públicas, exército, centros penitenciarios, etc.

Para isto, contouse coa presenza de Damián Copena, do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía, da Universidade de Vigo; Ester Comas, presidenta de Veterinarios sen Fronteiras; ou de experiencias como a dos comedores escolares de Ames ou a Escola Municipal A Caracola de A Coruña.

Nun contexto no que a compra pública de alimentos move entre 2.000 e 3.000 millóns de euros cada ano no Estado Español, e no que só nove empresas copan o 50% deste diñeiro; non hai dúbida de que un reparto máis xusto destes cartos con criterios agroecolóxicos pode ser un forte revulsivo para o medio rural, a saúde, o coidado do medio ambiente ou a dignidade e sostibilidade da profesión labrega. Trátase de algo perfectamente factible, como demostran exemplos como o da Escola Infantil A Caracola, da Coruña; ou o do Grupo Lentura de labregos e labregas, nacido grazas á iniciativa do Concello de Ames, que traballan en ecolóxico e fornecen comedores escolares da súa bisbarra cun total de 1.200 alumnos e alumnas.

Escola Infantil A Caracola

Da Escola Infantil A Caracola falounos a súa directora, Beatriz Ferreira. A Caracola é unha das nove escolas que dependen do Concello da Coruña e que son de xestión indirecta, é dicir, que o propio profesorado, coa axuda do persoal do centro, son os que deciden a alimentación do comedor, os menús, a quen se lle mercan os alimentos, etc. No caso da Caracola, son doce profesores e profesoras, unha cociñeira, unha limpadora e unha administrativa. Deste equipo partiu a iniciativa de facer un menú ecolóxico para 82 nenos e nenas de até tres anos. E xa levan oito anos coa experiencia. Trátase dun cambio integral no que se aposta polas hortalizas de tempada e no que tentan implicar a toda a familia, con actividades como darlles a probar os alimentos que comerán os seus fillos e as súas fillas, cursos de cociña, rede de compostaxe ou a coordinación dun grupo de consumo no que as familias poden mercar tamén os alimentos que merca a escola.

En 2015, tras un encontro de comedores ecolóxicos promovido polo GDR As Mariñas, xurdiu unha experiencia piloto para introducir hortalizas ecolóxicas e locais en tres centros escolares fornecidas por cinco granxas da zona. A partir de aí, A Caracola tamén comezou a mercar directamente a produtores e produtoras locais. Ademais, tentan expandir a experiencia levándoa a outros centros escolares con cociña propia, conseguindo que outra media ducia de colexios aceptase mercar tamén a granxas ecolóxicas da bisbarra.+

Lentura e o Concello de Ames

O caso do Concello de Ames tamén é un bo exemplo do que pode facer unha institución para apoiar a agricultura local. Hai doce anos, comezouse a traballar na relación entre labregos e labregas da zona e persoas que querían consumir en ecolóxico. Isto derivou na posta en marcha, en 2006, do Proxecto Amorodo, no que se involucraron tamén os concellos de Rois e Dodro. Amorodo durou catro anos nos que se apoiou o tránsito de granxas convencionais cara a métodos ecolóxicos de cultivo e se puxeron en marchas as primeiras experiencias comerciais en precario.

En base a esta experiencia, fíxose unha selección das granxas máis estables e comprometidas co proxecto e creouse a Asociación Lentura de labregos e labregas, completamente autónoma e sen a tutelaxe do concello.

As granxas de Lentura teñen o seu maior cliente no concello de Ames. Cómpre ter en conta que este concello ten catro centros escolares e unha gardería, con dous comedores que serven menús a 1.250 nenos e nenas, sendo o concello o encargado de mercar os alimentos. A dietista que deseña os menús cada quince días está en contacto permanente con Lentura para saber con que alimentos locais conta en cada época do ano. Por mor da grande cantidade que merca, Lentura faille ao Concello de Ames un 20% de desconto, pero tamén vende noutros ámbitos. En calquera caso, trátase dunha relación comercial, a do concello e Lentura, que aínda pode ir a máis xa que, dos 7 € que custa cada menú de media, a metade son o gasto en produtos frescos e, desa metade, o que leva Lentura polas súas vendas é unha parte mínima.

Cómpre dialogar con todos os axentes implicados na cadea alimentaria pública

Ao final desta conversa sobre compra pública de alimentos, tamén se tiraron unha serie de conclusións para traballar este eido:

  • Cómpre chegar a quen ten o poder último de decisión na compra pública de alimentos en cada caso particular: Xunta, concellos, centros escolares, anpas...

  • É necesario convencer ás administracións de que introduzan outros criterios á hora de mercar alimentos, a maiores dos simplemente económicos. Criteriso sociais, medioambientais, de saúde, etc.

  • As administracións poden e deben poñer as ferramentas e os mecanismos para facilitar a compravenda a produtores e produtoras locais e do país.

  • Só poderemos avanzar se a compra pública responsable de alimentos é unha demanda de toda a sociedade. Tódalas partes implicadas no proceso son clave: comensais, familias, directivas de centros, persoal de cociña, etc.

  • Cómpre localizar as diferentes persoas implicadas na cadea de compravenda de alimentos e traballar e acompañalas neste proceso de cambio. Neste senso, faise necesario combater os medos e resistencias que poden ter os diferentes axentes: produtoras e produtores, comunidade educativa, equipo de cociña, etc. O comedor escolar debe ser entendido como unha aula máis do centro onde os nenos e nenas, ademais de alimentarse, aprenden.

  • Hai que coordinar e planificar conxuntamente os menús e a produción.

  • A compra pública e responsable de alimentos é opción é posible e viable economica, social e ambientalmente, tal e como demostran diversas experiencias en marcha e exitosas.

Foro Agroecoloxía