A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. O SLG congratúlase da prohibición de neonicotinoides na UE pero advirte que aínda hai tóxicos letais para as abellas

O SLG congratúlase da prohibición de neonicotinoides na UE pero advirte que aínda hai tóxicos letais para as abellas

27 de Abril do 2018

Fumigacións non

O Sindicato Labrego Galego congratúlase da prohibición de tres insecticidas neonicotinoides na Unión Europea -clotianidina, imidacloprid e tiametoxam- que resultaban letais para as abellas e un serio perigo, polo tanto, para a biodiversidade.

Nos últimos días, o Sindicato Labrego Galego foi unha das 110 organizacións que se dirixiron á ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, para que a postura do Estado Español respecto destes insecticidas fose contraria. Pero esta loita xa vén de lonxe aquí na Galiza, onde en 2012 se constituíu a Plataforma contra as Fumigacións -con 56 colectivos e 7 partidos políticos- (http://fumigacionsnon.org) para loitar contra a intención da Consellaría de Medio Rural de aplicar flufenoxuron (Cascade) contra o gorgullo do eucalipto por medios aéreos, contra os insecticidas que matan as abellas coma estes neonicotinoides ou contra herbicidas coma o glifosato. Unha loita na que é necesario destacar o importante papel desempeñado pola Asociación Galega de Apicultura (AGA), que puxo todos os medios humanos e materiais ao seu alcance para que as campañas e mobilizacións levadas a cabo tivesen a forza que acabaron tendo. 

A Plataforma parou as fumigacións aéreas na Galiza

Grazas ao traballo en rede entre centos de colectivos e organizacións na Galiza e en Europa, entre as que nos atopamos todas as que integramos a Vía Campesina, paralizamos en Galiza as fumigacións aéreas, acadamos que o glifosato se atope ao borde da prohibición na Unión Europea e agora conseguimos a prohibición destes tres neonicotinoides aos que xa se lles impuxeran fortes restricións en 2013.

En todo este proceso, temos que lamentar a posición adoptada polo Ministerio de Agricultura e a Consellaría de Medio Rural, sempre no bando das grandes industrias químicas que fabrican, defenden e e presionan para que se sigan empregando estes tóxicos para facer negocio a conta do medio ambiente e da saúde pública. Sen dúbida, con gobernos así será difícil que algún día academos que na agricultura non haxa necesidade de utilizar velenos que minan a saúde das persoas, da fauna e da biodiversidade e que exterminan insectos imprescindibles para o equilibrio medioambiental como as abellas.

Neste senso, cómpre lembrar que aínda quedan moitas frontes de batalla abertas e que o Sindicato Labrego Galego seguirá loitando, sexa en solitario ou sexa en rede, contra outros tóxicos tan perniciosos coma os que veñen de prohibirse pero que seguen a ser legais, como os tamén neonicotinoides acetamiprid, tiacloprid, sulfoxaflor e flupyradifuron; ou insecticidas coma o ipermetrin, deltametrin e clorpirifos.

Fumigacións non