A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. A Comisión contra as Minas na Terra Chá pide a dimisión do director xeral de Minas, Bernardo Tahoces

A Comisión contra as Minas na Terra Chá pide a dimisión do director xeral de Minas, Bernardo Tahoces

22 de Abril do 2019

Bernardo Tahoces

O 17 de abril, os medios de comunicación sacaban a luz a nova de que o director xeral de Minas, Bernardo Tahoces, deberá declarar como imputado diante da Fiscalía de Medio Ambiente o 2 de maio por presunta prevaricación ambiental. Tahoces terá que declarar por irregularidades denunciadas por Verdegaia na reapertura da Mina de San Finx (Lousame) tales como carecer de DIA (declaración de impacto ambiental) etc.

Para a Comisión de Asociación contra as Minas da Terra Chá, plataforma da que o Sindicato Labrego Galego é membro, o señor Tahoces é un vello coñecido. Dende que ocupou o cargo de director xeral de Minas, o seu labor destacou por dificultar o traballo da veciñanza que se opón a proxectos mineiros e dos colectivos a ambientais e organizacións agrarias. O impedimento continuado de acceso a información, a negativa reiterada no tempo a contestar as solicitudes demandando información de calquera tipo, etc.

No caso da Terra Chá, a negativa a declarar as caducidades das concesións a Erimsa obrigounos a acudir no ano 2017 á Valedora do Pobo a través dun dos colectivos que integran a Comisión: o Sindicato Labrego Galego. A propia Valedora estivo máis de medio ano, de febreiro a setembro de 2017, reclamando información á Consellaría de Industria e non houbo contestación até que a Valedora lle fixo varios requerimentos e dous recordatorios de deberes legais, apercibindo da responsabilidade na que incorrerían de non facilitar a información segundo o artigo 502.1 do Código Penal (Código Penal (Ley Orgánica 10/1995, de 23 de noviembre):

Los que, habiendo sido requeridos en forma legal y bajo apercibimiento, dejaren de comparecer ante una Comisión de investigación de las Cortes Generales o de una Asamblea Legislativa de Comunidad Autónoma, serán castigados como reos del delito de desobediencia. Si el reo fuera autoridad o funcionario público, se le impondrá además la pena de suspensión de empleo o cargo público...(Artigo 502)

Cómpre lembrar que, no ano 2013, dende varios colectivos e veciños e veciñas a título individual, despois de que á empresa Erimsa lle fosen denegadas as licencias no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, solicitamos na Consellaría de Industria o inicio dos expedientes de caducidade das concesións mineiras por inactividade (Alicia, Karles e A Pastoriza do ano 2006, que afectan máis de 5.700 hectáreas nos concellos de A Pastoriza, Cospeito, Castro de Rei, Vilalba, Abadin e Riotorto). A día de hoxe, ningún deses colectivos tivo ningún tipo de contestación agás a recibida por medio da Valedora do Pobo coa negativa da Consellaría de Industria a iniciar os expedientes.

É polo exposto que, dende a Comisión de Asociacións contra as Minas da Terra Chá, esiximos que, en caso de negarse a dimitir Bernardo Tahoces, se proceda a súa destitución inmediata, mentres agardamos que, por parte da Xustiza, se aclaren as posibles responsabilidades penais e se condenen as persoas responsables para que estas prácticas non se sigan dando.