A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Medio Rural rompe o seu compromiso de crear unha mesa de traballo para os lumes no Consello Forestal de Galicia

Medio Rural rompe o seu compromiso de crear unha mesa de traballo para os lumes no Consello Forestal de Galicia

21 de Maio do 2019

Tala carballos

O Sindicato Labrego Galego, Amigos da Terra e a Asociación Frouma veñen de rexistrar un escrito no que lle piden á Consellaría de Medio Rural a reformulación do funcionamento do Consello Forestal de Galicia (CFdeG), no que se refire á participación activa dos axentes sociais e sectoriais na elaboración de políticas forestais e de defensa do monte.

Esta petición débese a que temos solicitado de maneira reiterada, ano tras ano, unha participación e consulta máis activa na elaboración do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) por parte das entidades que formamos parte do CFdeG. Da mesma maneira, a Consellaría de Medio Rural, con independencia do conselleiro ou conselleira que a dirixa, negouse sempre a atender esta petición e, de maneira reiterada, entregáronnos a documentación relativa ao Pladiga con moi pouca marxe á celebración do CFdeG, de maneira que sempre nos resultou imposible estudar este documento ou facerlle a máis mínima achega ou corrección. 

De feito, para a celebración do último CFdeG, celebrado o pasado 26 de abril, non se enviou ningunha documentación previa do Pladiga aos membros do Consello e nin sequera se abriu a posibilidade de facerlle achegas. O director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto sentenciou o debate cunha frase lapidaria que lembra épocas autoritarias do pasado: “O Pladiga apróbase no Consello da Xunta, e punto!”.

Para o SLG, Amigos da Terra e Frouma, é evidente que o funcionamento do Consello Forestal como órgano consultivo da Administración estase a perverter até o punto de que a Consellaría de Medio Rural xa non pode nin sequera constatar como “oído” este órgano en materia de incendios forestais.

Medio Rural rompe o seu compromiso de crear unha mesa de traballo sobre incendios

Máis alá desta medida xeral sobre o CFdeG que busca rematar coa marxinación e amordazamento daqueles colectivos críticos coas políticas de Medio Rural, tamén se pediron dúas medidas concretas e de aplicación inmediata relacionadas cos incendios forestais:

A primeira sería crear unha mesa de traballo sobre prevención de lumes no seo do CFdeG, tal e como se comprometera a constituír a propia Consellaría de Medio Rural no Consello do 18 de abril de 2018. A pesares deste acordo, Medio Rural rompeu o seu compromiso o pasado 19 de febreiro, retractándose do dito e negándose a constituír a mesa de traballo.

Caos absoluto na aplicación da nova normativa sobre creación de franxas para prever incendios

A segunda petición consiste no establecemento de directrices claras que rematen coa aplicación caótica da Lei 3/2007 de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia no que se refire á súa aplicación nas faixas de protección, aspecto que sufriu numerosas modificacións dende a entrada en vigor da lei.

Dende SLG, Amigos da Terra e Frouma temos constatado que hai distintas interpretacións da mesma, incorrendo en graves erros cos conseguintes prexuízos á cidadanía: circulares e bandos de concellos nos que se aplican distancias e obrigas que nada teñen que ver co aprobado pola Xunta de Galicia; interpretacións da normativa distinta segundo o distrito forestal, habendo diferencias entre os distintos distritos das catro provincias; ou persoal da administración forestal dando charlas a asociacións veciñais, comunidades de montes, propietarios forestais, etc. interpretando cadaquén a lexislación á súa maneira.

Esta interpretación caótica da lei está afectando seriamente o noso patrimonio arbóreo, con cortas de árbores que non son nin necesarias nin obrigatorias.

Tala carballos