A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. [Editorial do Fouce 327] Non digas "cambio climático": Chámalle emerxencia climática porque a é

[Editorial do Fouce 327] Non digas "cambio climático": Chámalle emerxencia climática porque a é

16 de Outubro do 2019

Cambio climático

Este Fouce imprimiuse en vésperas do 27 de setembro, data dunha mobilización global en todo o planeta para esixir dos gobernos o recoñecemento de que nos atopamos diante dunha crise de emerxencia climática e o compromiso con políticas que minimicen a emisión de gases con efecto invernadoiro á atmosfera. Trátase de evitar que a temperatura global siga subindo como até agora e de non chegar a un punto de non retorno no que a catástrofe sería irreversible.

E cando falamos de catástrofe, non estamos a esaxerar. Non se trata dunha cuestión de fe, senón de feitos científicos constatados.

Segundo un informe de Greenpeace, España é o país máis vulnerable de Europa ao cambio climático. De feito, nos últimos 30 anos aumentou a temperatura en 1'5º e os anos máis calorosos rexistrados no Estado Español concéntranse na última década: 2011, 2015 e 2017.

Este aumento das temperaturas ten efectos que baten directamente nas nosas vidas. Un deles é o aumento progresivo do nivel do mar. En 2018, o nivel medio do mar a escala mundial, debido sobre todo á desaparición progresiva dos casquetes polares, aumentou en 3'7 mm con respecto a 2017. A previsión é que nas costas atlántica e cantábrica, este nivel subiu entre 3 e 6 mm por ano. No manifesto do Movemento Galego polo Clima din que “o crecemento do nivel do mar asociado a este fenómeno fará que parte das cidades de A Coruña, Vigo, Ferrol e Pontevedra fiquen inundadas de xeito permanente pola auga do mar. Outro tanto vai suceder coa maioría das vilas (Betanzos, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Cangas, ..) situadas no litoral galego”. Ademais, o aumento das temperaturas está a provocar invasións que xa impactan agora mesmo nas nosas vidas como a da avespa velutina.

Outro feito a ter en conta será que as secas van ser cada vez máis severas en toda a Península Ibérica, tal e como vaticina un informe da propia Unión Europea (ver páxina 11 do Fouce 327). Greenpeace estima que as zonas áridas, semiáridas e subhúmidas secas de España chegarán a 37'4 millóns de hectáreas, o que supón o 75% do territorio.

4.500 millóns de persoas afectadas pola crise climática dende 1998

A crise climática tamén derivará en feitos como a que vai ser a sexta extinción masiva de especies vexetais e animais na historia do planeta Terra ou o desprazamento de millóns de persoas por crises climáticas: dende 1998, víronse afectadas por crises relacionadas co quecemento global 4.500 millóns de persoas. Só en 2018, a maioría dos perigos naturais que afectaron a case 62 millóns de persoas estiveron asociados a fenómenos meteorolóxicos e climáticos extremos, especialmente inundacións, que afectaron a 35 millóns de persoas.

O problema para afrontar esta crise é que vén provocada polo propio sistema económico de crecemento sen límites e de consumo masivo de recursos, especialmente de combustíbeis fósiles como o carbón ou os derivados do petróleo, pero tamén minerais. Iso quere dicir que debemos mudar radicalmente o sistema.

Basta de palabras. Cómpre pasar á acción

Que podemos facer? Para empezar, os gobernos deben asumir que non se pode seguir co ritmo de crecemento, consumo irracional de recursos e contaminación actuais. Por exemplo, centrais térmicas como a das Pontes, que produce o 25% do CO2 que emite Galiza e é a empresa que máis CO2 emite de España, deberían pechar. Ao mesmo tempo, habería que se apostar pola redución do consumo enerxético e a produción de enerxía limpa.

O modelo alimentario tamén ten un importante papel contaminante debido aos sistemas de produción industrial e ao transporte dos produtos a miles de quilómetros. Os gobernos deberían potenciar as producións alimentarias e o seu consumo de maneira local para evitar desprazamentos e un gasto inútil de carburantes. Isto implica, ademais, deixar de asinar acordos de libre comercio con países a miles de quilómetros dos que importamos alimentos que se poderían producir perfectamente aquí. De pouco nos servirá pechar centrais térmicas, se seguimos importando e exportando masivamente producións agrarias e insumos.

A nivel persoal, apostar por modelos produtivos ecolóxicos ou en extensivo, que sexan o menos dependentes posible dos derivados do petróleo (carburantes, fertilizantes...) e doutros insumos externos coma os cereais e as leguminosas importados para a alimentación animal. Cómpre pensar que alimentar o gando con concentrados feitos en base a soia traída de América ten implicacións moi fortes no quecemento global: deforestación da Amazonía, utilización intensiva de maquinaria agrícola e de agrotóxicos, transporte a miles de quilómetros, etc. Ademais, os modelos intensivos fannos extremadamente dependentes e vulnerables diante de calquera situación de crise (aumento de prezos dos insumos, dubidosa dispoñibilidade no futuro polo esgotamento do petróleo, etc.).

Os tempos que veñen non pintan ben para miles de millóns de persoas en todo o mundo. Os labregos e labregas seremos unha das comunidades máis afectadas, pero tamén das máis importantes nunha situación de crise na que a humanidade terá que seguir alimentándose. Cómpre irnos convencendo de que esta non é unha crise máis. A situación actual de emerxencia climática suporá un antes e un despois na historia da humanidade e da actual civilización. De nós e só de nós, os seres humanos, causantes directos da crise, depende que ese cambio sexa unha ruptura catastrófica ou unha transición ordenada.