A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Alegacións do SLG e a Comisión da Minaría de Mesía contra un proxecto que ameaza máis de 3.000 hectáreas en Frades

Alegacións do SLG e a Comisión da Minaría de Mesía contra un proxecto que ameaza máis de 3.000 hectáreas en Frades

21 de Xaneiro do 2021

Maris

O pasado 16 de decembro de 2020 saíu publicada no DOG a exposición pública do proxecto de explotación, estudo de impacto ambiental e proxecto de restauración referentes á solicitude de concesión de explotación mineira Marís 7134, situada no concello de Frades (A Coruña) e promovida pola sociedade Explotación de Rocas Industriales y Minerales, S.A. (Erimsa).

Os terreos afectados por este permiso de explotación sitúanse nas parroquias de Frades, Mesos, Moar, Abellá e Papucín.

Este proxecto é a continuación do Xanceda 7138, e ao que lle seguirá Andrea 7137 e Lamosa, que, do mesmo xeito que Marís 7134, parten de permisos de investigación que a mesma empresa pretende materializar en proxectos de explotación.

Unha vez máis, estase a poñer en perigo a importante produción agrogandeira da zona, xa que este tipo de actividade extractiva afecta gravemente a estrutura do solo, a calidade das augas e a produtividade de moitos terreos agrarios que foron todos eles obxecto de procesos de concentración parcelaria e que cuxo uso e finalidade debe seguir sendo producir alimentos para as persoas e para o gando.

A gravidade deste proxecto é que abrangue 3.060 hectáreas, máis dun terzo da superficie total do Concello de Frades. Cunha superficie tan grande, folga dicir que está afectada a base territorial de moitas explotacións gandeiras. O argumento emprega a empresa para tentar convencer as familias propietarias e desenvolver a súa actividade extractiva é que non van expropiar ningún terreo, e que a explotación mineira non afectará nin aos proxectos de produción ecolóxica nin ao equilibrio dos terreos explotados que, agora mesmo, utilízanse maioritariamente para producir forraxes. A realidade é moi distinta: Os terreos explotados quedan inservibles para a actividade gandeira. Isto é así porque ao extraer o mineral, que o elemento que lle confire estrutura ao solo e permite a drenaxe de auga, os prados non volven producir forraxe ao 100% até pasados uns oito anos como mínimo e calquera precipitación de choiva, por pouca que sexa, transforma o terreo nunha lameira impracticable para o gando maior e para o acceso de tractores e maquinaria pesada.

Dende o Sindicato Labrego Galego e a Comisión de Seguimento da Minería e Defensa do Rural de Mesía-Frades opoñémonos a que se continúen explotando con fins mineiros os terreos que sustentan as producións agrogandeiras. Por esta razón, presentaremos alegacións contra o mesmo, e facilitaremos información, asesoramento e modelos de alegacións para as persoas que tamén queiran opoñerse.

Maris