A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. A Fronte contra o Plan Forestal convoca unha concentración de protesta diante do parlamento para o 23 de febreiro

A Fronte contra o Plan Forestal convoca unha concentración de protesta diante do parlamento para o 23 de febreiro

19 de Febreiro do 2021

Fronte contra o Plan Forestal

Representantes da Fronte de organizacións Por un Monte Galego con Futuro anunciaron esta mañá en rolda de prensa a convocatoria dunha concentración para o vindeiro martes, día 23 de febreiro, contra a revisión do Plan Forestal. Un texto que se debaterá ese mesmo día no Parlamento de Galiza, e que previsiblemente será aprobado cos votos do Partido Popular, do que advertiron que terá graves consecuencias para o medio rural galego, desde a organización do territorio, até o modelo de xestión dos nosos montes, a nosa riqueza forestal ou no combate aos lumes forestais. En representación das máis de 50 organizacións “Por un Monte Galego con Futuro”, compareceron Benito Andrade, Diego Sánchez, Xosé Alfredo Pereira, Manuel da Cal e Paulo Carril.

Da proposta de revisión impulsada polo Partido Popular cuestionaron tanto o fondo como as formas, porque “non nace con consenso, nin participación social” e ademais está “feita a medida para satisfacer os intereses económicos das empresas”.

Neste sentido aseguraron que deixa a ordenación dos usos do monte e das terras nas mans das empresas forestais e madeireiras e que pretende ademais que o único uso do monte, incluído o veciñal, sexa o produtivista e en réxime de monocultivo de eucalipto e algo de coníferas.

Estratexia do PP

Advertiron que coa lexislación actual non se poderían forestar terras de vocación agropecuaria. Por iso entenden que esta revisión o que fai é acomodar a lexislación a ese obxectivo que forma parte da estratexia do PP e que se complementa, ademais, con outras leis como a de recuperación de terra agraria ou a de simplificación administrativa, coas que se deixa a terra agropecuaria “en mans de grandes poderes e intereses especulativos para poder dispor de superficie abondo para implantar os seus proxectos”.

Un plan, en síntese, que forma parte dese complexo de medidas que levan a Galiza a ser a despensa produtora de enerxía, neste caso eólica, mais tamén para abastecer de recursos mineiros, incidindo no modelo colonizador e de espolio dos nosos recursos, que provocará máis emigración e máis abandono do rural agravando os desequilibrios sociais e medioambientais do noso país.

Montes veciñais

Nesa liña, no que respecta ao monte veciñal en man común, o plan forestal pretende dar o último paso cara a desaparición definitiva desta titularidade singular que é, ademais, un dos sinais de identidade do noso país.

Tal é así que prevé para os montes veciñais unha serie de bonificacións que serían inaplicables mentres sigan sendo propiedade das e dos veciños, como no imposto de transmisións, porque non se transmite, no de doazóns, que tampouco se poden facer, ou mesmo que estarán exentos do IBI cando hoxe xa non está contemplado.

De feito contempla que non só teñan consideración de veciño e veciña comuneira quen hoxe viven no lugar, senón que tamén poidan ser comuneiros quen teñan algunha actividade no monte, como as eólicas ou empresas madeireiras.

Ráchase deste xeito co orixinal concepto xermánico para pasar a un modelo de titularidade de carácter romano polo que os montes en man común poderían entrar no tráfico comercial, venderse ou repartir “para que se poidan levar adiante proxectos forestais e megaforestais, mineiros ou de lecer das elites, como campos de golf”.

Eucaliptización

Aínda que explicaron que o texto contempla unha redución dun 5% da superficie dedicada ao eucalipto en 15 anos, denunciaron que porén, no primeiro quinquenio contempla que aumente un 3%. Un incremento que ademais farase sobre unha base descoñecida porque non hai datos actualizados do inventariado forestal galego.

Advertiron ademais de que se pretende aumentar tamén a superficie ocupada por coníferas en 50.00 ha, outra especie pirófita, co cal “cabe esperar que sigamos tendo vagas de lume cando a climatoloxía o favoreza”.

Xunto a isto advertiron da falta de medidas de protección para a biodiversidade e os solos ou para controlar as especies invasoras. Ademais cuestionaron a pretensión do plan de acadar o obxectivo de aumentar o nivel de absorción de carbono nun 20% cando “non sa sabe de que niveis partimos” e cando o carbono que absorbeu unha árbore toda a súa vida “regresa inmediatamente a atmosfera se logo a queimamos”.

Respecto desta cuestión apuntaron que o plan aposta pola biomasa co obxectivo de chegar a 2,3 millóns de toneladas partindo dunha suposta produción, na actualidade de 1 millón. Unha cantidade que consideraron xa superada. Por iso advertiron que no futuro non só se vai consumir biomasa residual, restos de talas, senón tamén árbores, é dicir “vaise ir aos cultivos forestais”.

Por iso as organizacións Por un Monte Galego con Futuro defenden un modelo completamente contrario, que aposte polo aproveitamento da biodiversidade, cunha masa forestal multifuncional no país, onde se poidan pechar os ciclos produtivos de toda a transformación da madeira e onde ese aproveitamento se faga co menor dano ao medio ambiente, xerando beneficios sociais, riqueza e favorecendo o asentamento de poboación.

Fronte contra Plan Forestal