A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Continúa a actividade formativa do SLG en viticultura ecolóxica

Continúa a actividade formativa do SLG en viticultura ecolóxica

30 de Abril do 2007

Congreso sobre viticultura ecolóxica

O pasado 21 de abril celebrouse na vila de Monforte a xornada "Ecoloxía e mercados en viticultura".

Medio cento de viticultores e viticultoras das cinco denominacións de orixe galegas acudiron á cita do Sindicato Labrego Galego na Escola de Capacitación Agraria de Monforte onde, o 21 de abril, se celebrou a xornada "Ecoloxía e mercados en viticultura". Nela, relatores de Portugal, Navarra e Galiza analizaron as técnicas agrícolas e de manexo ecolóxico da viña, o miolo da comercialización do viño e, como non, os sabores e recendos dos caldos nunha cata comentada. Ao día seguinte, o curso tería a súa xornada de campo entre os viñedos da Ribeira Sacra. 

En primeiro lugar, tratáronse temas relacionados co manexo, sobre todo en base aos estilos de produción sostíbeis e agroecolóxicos, para o que se contou con xente de moita experiencia, como o Cruz e Rubén García, pai e fillo viticultores da bisbarra de Estella, na denominación de orixe Navarra, que falaron pola mañá. Ambos herdaron dos seus devanceiros os coñecementos tradicionais para a utilización de plantas en viticultura. Ambos falaron de como recoñecer o estado dunha cepa e como tratalo con herbas como ortiga, valeriana, cola de cabalo, consolda, etcétera. Desta maneira, e con procedementos naturais, Cruz e Rubén atallan estados nos seus viñedos propicios á aparición de doenzas como o mildeu ou o oidio, por exemplo.

Unha das partes máis interesantes desta charla aconteceu cando Cruz e Rubén García compartiron coa xente que asistía á xornada varias fórmulas -coma o zurro de ortiga- para o tratamento fitoterapéutico do viñedo, en particular, e da agricultura, en xeral.

Outra intervención interesante foi a do viticultor e olivareiro portugués Luis Manuel Gonçalves da Silva Mendes, quen, ademais, é tamén enxeñeiro agrónomo. Gonçalves explicou qué se podía considerar viño biolóxico e o que iso significaba. Entre as características que debe reunir un viño orgánico están a prohibición de engadirlle fermentos seleccionados por ser innecesarios.

Conseguir diferenciación a través da consolidación das plantas sans no propio viñedo, onde ao depender cada vez máis das características da rocha nai impiden que esas cepas dean viños parecidos ou semellantes aos doutras zonas; polo que se pode dicir que a diferenciación está asentada no principio do manexo ecolóxico do solo e de todo o viñedo. Un dos conceptos no que se baseaba o modelo produtivo de Manuel Gonçalves era a inexistencia de doenzas ou pragas; pola contra, existen diversos estados da planta que poden ser máis ou menos propicios á aparición de determinadas doenzas. A este respecto, facilitou a bibliografía de onde se pode tirar a teoría do manexo que el practica. Este viticultor portugués prescinde de maquinaria e renega do uso de substancias químicas na agricultura e vaticinou a fin da viticultura química, á que lle quedan "moi poucos anos de vida".

"A ecoloxía non pode ser escusa para non elaborar bos viños"

A última intervención foi a da cata comentada, e correu a cargo de Xosé Manuel Martínez Juste, presidente da Asociación Galega de Enólogos. 

Juste fixo unha exposición sobre as características que debe reunir un viño ecolóxico de calidade, e chegou a afirmar que a ecoloxía é o camiño máis curto para acadar, precisamente, un nivel de calidade óptimo. Sobre isto, Xosé Manuel Martínez Juste aconsellou que non se debía caer no vitimismo, e que a ecoloxía non pode servir de escusa para non elaborar bos viños.

Respecto á cata, probouse unha selección de viños de Galiza, Portugal, A Rioxa, Levante, etcétera.

Xa a xornada seguinte, o domingo 22 de abril, dedicouse por completo a facer unha saída de campo paracoñecer de preto as explotacións vitícolas da subzona Amandi, na Ribeira Sacra. Aí puidéronse ver in situ as dificultades coas que se atopan os viticultores e viticultoras, sobre todo pola esgrevia orografía, e explicáronse sobre o terreo diversas técnicas expostas o día anterior, como a protección do solo con coberturas vexetais, etcétera.

Calidade e venda directa como mellores opcións comerciais

O director comercial do Grupo Galiciano, Enrique Nóvoa, falou dos aspectos económicos da viticultura ecolóxica. Un dos temas tratados foi o das problemáticas co sector Horeca (hostalería, restauración café), onde debido ao descenso de consumo dende o punto de vista da cantidade, o aumento ao consumo no propio fogar, e á alza da calidade media dos viños consumidos, vese ás claras que a aposta máis acertada debe ser a de ir cara á calidade, vendendo en canles curtas de comercialización (venda directa a consumidores e consumidoras ou a grupos especiais). Nóvoa sostivo que a peor das alternativas comerciais para o viño galego é a de venderlle ás grandes superficies comerciais.

Enrique Nóvoa tamén explicou as pautas para que os nosos viños sexan máis coñecidos, e fixo especial fincapé na atención directa na propia adega.