A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. O SLG esixe a posta en marcha de mecanismos que faciliten o acceso a variedades de millo non transxénicas para a alimentación humana e do gando

O SLG esixe a posta en marcha de mecanismos que faciliten o acceso a variedades de millo non transxénicas para a alimentación humana e do gando

21 de Abril do 2009

granadamillo

Malia que recentemente vimos de coñecer a decisión do Goberno austríaco e alemán de acollerse á Cláusula de Salvagarda para rexeitar o cultivo de millo transxénico MON810 -do que o Estado español é o maior produtor da Unión Europea-, o MARM vén de incluír vintecinco novas variedades de millo transxénico no Rexistro de Variedades Comerciais do Estado español.

Non nos atopamos xa perante da permisividade cos cultivos experimentais na Galiza, senón que mediante a publicación da Orden ARM/958/2009, de 2 de abril, estase a outorgar o consentimento para a súa comercialización, permitindo polo tanto a sementeira de campos transxénicos no noso País.

Dende o Sindicato Labrego Galego, condenamos esta escandalosa supeditación lexislativa aos intereses económicos das multinacionais da alimentación. A introdución do Oxm´s na agricultura responde aos intereses dunhas poucas multinacionais da biotecnoloxía que intentar forzar a entrada destes alimentos a pesares do rexeitamento da maioría do sector labrego e consumidor, como se demostrou o pasado sábado na multitudinaria manifestación que tivo lugar en Zaragoza.

O SLG reitera novamente a esixencia da posta en marcha de mecanismos que faciliten o acceso a variedades de millo non transxénicas para a alimentación humana e do gando.

Na súa primeira década de utilización os cultivos transxénicos non aportaron beneficios para os labregos e labregas, senón que ao analizarmos a situación atopámonos con contaminación de producións, resistencia de malas herbas e superpragas, perda de contratos, aumento de agrotóxicos, dependencia das agroindustrias, expulsión dos pequenos e pequenas labregas dos ciclos produtivos...

A posibilidade dunha contaminación irreversíbel do subministro de sementes é tan grave que esixe que o Principio de Precaución polo que se rexen as políticas europeas se aplique neste caso rigorosamente.

Como labregas e labregos somos parte activa nesta loita e debemos defender o noso dereito como pobo a Soberanía Alimentaria, o dereito a decidir sobre as nosas políticas agrarias, e facer efectivo o dereito a producir alimentos sans e de calidade.

Os transxénicos poñen en perigo a nosa cultura e saberes tradicionais cuestionando directamente o noso futuro como labregas e labregos. Isto non é unha libre elección coma nos queren facer ver dende as multinacionais e certos gobernos permisivos, incluído o español e o galego, é unha imposición ao sector produtor de alimentos e, consecuentemente, aos consumidores e consumidoras.

A este respeito, reiteramos a denuncia de que a meirande parte da alimentación para o gando é xa na actualidade transxénica, contando con graves dificultades aqueles labregos e labregas que queren acceder a alimentación para o gando libre OXM´s.

A aprobación da sementeira e comercialización de millo transxénico decidida polo MARM constitúe un duro ataque contra a nosa biodiversidade, así como das expectativas para a consecución da soberanía alimentaria para Galiza.

Dende o SLG sentímonos verdadeiramente atacadas e atacados coma labregas e labregos perante destas novas autorizacións para a sementeira e comercialización de transxénicos no Estado.

 

 

 

 

OBTERÁN MÁIS INFORMACIÓN CONTACTANDO CON

Charo Sánchez Parga, Secretaria de Medioambiente, Terra e Montes no SLG

TLF: 669 651 700