A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. O SLG denuncia a lentitude da nova Dirección Xeral de Montes á hora de retirar a madeira derrubada polo temporal

O SLG denuncia a lentitude da nova Dirección Xeral de Montes á hora de retirar a madeira derrubada polo temporal

30 de Abril do 2009

efectos temporal feb09 os ancares

Dende o SLG denunciamos que todo o traballo desenvolto e consensuado coa anterior Consellaría do Medio Rural, así coma os acordos fixados  pola Mesa da Madeira, non están a ser tidos en conta pola nova equipa da D.X. de Montes, botando abaixo os acordos tomados no seu momento na Mesa da Madeira para axilizar e desburocratizar o proceso.


O pasado 15 de abril a Consellería do Medio Rural publicou no DOG a
Orde pola que se desenvolven as medidas urxentes para a recuperación das zonas forestais polos danos causados polo temporal acaecido en Galicia a partir do 23 de xaneiro.

Mais agora o articulado desta orde entra en contradición coas directrices que comunican dende a nova  Dirección Xeral de Montes, xa que segundo fontes deste departamento “as solicitudes teñen que ser referidas a terreos que se atopen nun coto redondo” é dicir, que teñen que ser parcelas colindantes.

Isto entra en contraposición co texto da orde, deixando sen validez o artigo 3º, onde só se esixía esta limitación para agrupacións informais de propietarios e propietarias.

Pedimos que a nova equipa da D.X de Montes relea os acordos da Mesa da madeira e a Orde, xa que semella que resulta incomprensíbel para eles a aplicación da mesma. 

efectos temporal febreiro 09        Namentras, a madeira segue nos montes... Efectos do temporal dos pasados  23 e 24 de xaneiro na comarca d´Os Ancares (Lugo).

 

Polo tanto, nun principio, as Asociacións de Propietarios/as Forestais, organizados e organizadas baixo diversas fórmulas, que tiñan recoñecida a súa preferencia na execución das actuacións, (o fin da Orde é apoiar ao sector máis afectado que neste caso claramente somos as propietarias/os do monte) non poderían facer solicitudes xa que van ter socios e socias e polo tanto terreos afectados por todo o país.

Pero xa se chega a extremos abusivos cando un propietario ou propietaria particular de xeito individual ten que facer unha solicitude por cada parcela afectada, cando estas non sexan estremeiras, situación pouco probable no territorio galego.... Agora dinnos que as asociacións podemos tramitar as solicitudes da nosa xente, mais coa burocracia individual coma se foran particulares, en troques de axilizar e eliminar burocracia, unha das cuestións especificamente tratadas na Mesa da Madeira.

Agora teremos que facer os papeis por cada persoa, isto é moita carga e un grande gasto en papeis, situación tristemente contraditoria na que por mor da burocracia vémonos na obriga de gastar máis papel, polo tanto máis árbores.

O temporal tivo lugar o 23 e 24 de xaneiro, as ordes de axuda e do resto de consellerías foron publicadas no DOG do 3 de febreiro (excepto as especificas para o sector forestal), co cal levamos máis de dous meses de atraso.

A comunicación coa nova Dirección Xeral de Montes ao respeito desta problemática caracterizouse en todo momento pola inexactitude e variabilidade das respostas, mudando constantemente nas indicacións que nos deron para realizarmos as solicitudes.

Cabe polo tanto a posibilidade de que nunhas horas muden novamente os criterios do proceso, o que non muda é a tendencia a ralentizalo e a falla de correspondencia entre os acordos tomados na Mesa da Madeira e as indicacións da nova D.X.

Increméntase o risco de incendios e baixa o prezo da madeira

 A mediados de maio aínda comezará o proceso no que axentes da Consellaría deberán inspeccionar e valorar os danos nos terreos, o que dará como resultado os ditames de resolución, para o que hai un prazo máximo de 9 meses. Neste prazo non se pode retirar a madeira do monte.

A partir de aquí, e unha vez concedida a subvención, aínda haberá que esperar a que a Dirección Xeral de Montes adxudique ás empresas a saca de madeira das fincas, xa que a finalidade da axuda é retira-la madeira dun xeito gratuíto para o propietario ou propietaria, incrementando así o valor na venta, xestionada directamente entre a administración e as empresas.

O gran problema é que mentres esperamos, a madeira segue amoreada e apodrecendo no monte, baixando aínda máis o prezo; e sobre todo, estando ás portas do verán con gran cantidade de biomasa amoreada, altas temperaturas e centos de chisqueiros con pedra nova e gas na recamara, coas consecuencias que por desgraza todos e todas coñecemos.

O SLG ten solicitado con carácter urxente unha xuntanza coa DX Montes de cara a solventar os malentendidos na aplicación da orde e aínda non tivemos resposta, isto preocúpanos grandemente sobre todo porque xa coñecemos dabondo no País como se aplican as políticas forestais neste eido, e as consecuencias que poden ter.

 É urxente e prioritario a saca da madeira dos montes para as propietarias e propietarios e para non sufrir unha vaga de lumes, a dia de hoxe moi tentadora para os intereses especulativos, con tanta materia inflamábel no monte.

 

OBTERÁN MÁIS INFORMACIÓN CONTACTANDO CON

Charo Sánchez Parga, Secretaria de Medio Ambiente, Terra e Montes do SLG

TLF: 669 651 700