A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. O SLG denuncia no Día Mundial do Medio Ambiente as técnicas da Consellaría do Medio Rural para controlar a pulguilla do carballo

O SLG denuncia no Día Mundial do Medio Ambiente as técnicas da Consellaría do Medio Rural para controlar a pulguilla do carballo

5 de Xuño do 2009

Altica Quercetorum

Dende o SLG denunciamos publicamente, nun día tan sinalado coma hoxe, a nula sensibilidade aos problemas ambientais derivados do uso inconsciente de agrotóxicos como medida de control da pulguilla do carballo (Altica quercetorum) pola Consellaría do Medio Rural (CMR), ao abeiro da Orde publicada o día 21 de abril de 2008 no DOG nº 97, na que se declara a existencia da praga nalgunhas zonas da Galiza.

É un escándalo que a Consellaría adopte medidas de fumigacións ao aire libre con sustancias que se atopan en moratoria e que van desaparecer do mercado polos efectos nocivos que teñen sobre a saúde e o medio ambiente.

Isto refórzanos, ao Sindicato Labrego Galego, na nosa convicción de que os intereses dos grupos agrotóxicos seguen a estar por enriba da protección da cidadanía e o medio ambiente , facéndose patente mediante actuacións como as que está a realizar a CMR a intención de rentabilizar os excedentes destes compostos agrotóxicos antes de que a UE os prohiba no ano 2011.

Dende o SLG, entendemos que é imprescindíbel o control de dita praga, xa que temos moita madeira amoreada e resulta prioritario preservar as nosas arbores autóctonas e revalorizalas. Mais entendemos que a día de hoxe existen técnicas menos agresivas para poder facelo, como é a loita biolóxica no seo dun control integrado, do que vimos tendo constancia dende os anos 90. Ó mesmo tempo, facendo control biolóxico da especie poderíase actuar nos estados máis receptivos, antes que os adultos fixesen a posta de ovos.

Aínda no caso do control químico, o elexido pola CMR contra a pulguilla do carballo, hai estudos que confirman que as primeiras larvas comezan a súa andadura a finais de abril, sendo esta a época máis axeitada para o tratamento, polo que cabe a posibilidade que a fumigación que se está a facer nestes momentos, en pleno mes de xullo, non signifique en absoluto rematar coa pulguilla.

Dende o SLG cuestionámonos quen se vai facer cargo das perdas que poidan sufrir as persoas destes concellos, nomeadamente as labregas e labregos, en grave risco de atoparse con problemas de intoxicación ou contaminación.

Vai a Consellaría de Medio Rural a facerse cargo das posíbeis contaminacións e, coma especifica o propio Decreto, estes tratamentos non lles van repercutir economicamente ós interesados? Quen se vai responsabilizar dos efectos a posteriori?

Ou non é de interese os efectos e consecuencias das contaminacións que van sufrir os acuíferos, as mortes dos apiarios destas zonas, o gando que pace nas veigas ou as repercusións negativas por contaminación das que adoecerá unha explotación ecolóxica ubicada nestas áreas cando lle atopen residuos nos seus cultivos?

É este o xeito de preservar e manter o noso medio? Sabe a CMR como afectan estes tratamentos ó resto da nosa fauna e flora?

Parécenos unha falla de responsabilidade absoluta, e esiximos que a CMR e os concellos afectados trasladen á cidadanía o protocolo a seguir nestes casos, así como cales son as medidas desenvoltas cara unha adecuada protección e información, xa que como a propia Consellaría transmitiu: o produto vaise aplicar mediante canóns que poden chegar a pulverizar ata os 200 metros de distancia.

Outra vez caen na desidia interesada de supor que os e as habitantes do medio rural se atopan en igualdade de condicións (infraestruturas, novas tecnoloxías, transporte...) que os das cidades, e que toda persoa pode e sabe consultar na internet os avisos e recomendacións que a Administración ten a obriga de difundir, tales como a de non pasear a partires das nove da noite.

É este o protocolo de seguridade da CMR? Entenden a Consellaría e os concellos que mediante avisos nas paxinas web e bandos, notificando que haberá fumigacións mais sen sinalar a necesidade de tomar ningunha medida especifica de control, acádase unha seguridade e suficiente para a cidadanía e cultivos próximos as estas fumigacións?

O Sindicato Labrego Galego reitera a esixencia á Administración e ás entidades locais de que cumpran coas normativas establecidas ao efecto.

Ficheiro adxunto