A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. O SLG DENUNCIA Á CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL POLO PROCEDEMENTO DE CONTROL NA PRAGA DA PULGUILLA DO CARBALLO

O SLG DENUNCIA Á CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL POLO PROCEDEMENTO DE CONTROL NA PRAGA DA PULGUILLA DO CARBALLO

7 de Xullo do 2009

Denuncia CMR fumigación

Dende o SLG denunciamos ante a Consellería de Medio Ambiente, a nula sensibilidade aos problemas ambientais derivados do uso inconsciente de agrotóxicos como medida de control da pulguilla do carballo (Altica quercetorum) pola Consellaría do Medio Rural (CMR), ao abeiro da Orde publicada o día 21 de maio de 2008 no DOG nº 97, na que se declara a existencia da praga nalgunhas zonas da Galiza.

É un escándalo que a Consellaría adopte medidas de fumigacións ao aire libre con sustancias que se atopan en moratoria e xa foron retiradas do anexo I e que van desaparecer do mercado polos efectos nocivos que teñen sobre a saúde e o medio ambiente, Directiva 91/414/CEE e ( RD255/2003).

Ata o de agora o SLG ten constancia de que foron realizadas fumigacións nos concellos de Sober, Pantón, Monforte de Lemos e Navia de Suarna, na provincia de Lugo segundo datos da propia consellería e confirmado polos concellos ( a praga foi declarada en areas de Lugo e Ourense). Este proceso desenvolveuse con escasa información cara as persoas afectadas e a poboación en xeral nos concellos que abrangue a Orde.

Dende o SLG, entendemos que é imprescindíbel o control de dita Praga e resulta prioritario preservar as nosas arbores autóctonas e revalorizalas fronte a invasión de especies foráneas. Mais entendemos que a día de hoxe existen técnicas menos agresivas para poder facelo, como é a loita biolóxica no seo dun control integrado,ou o control biolóxico da especie .

Dende o SLG cuestionámonos quen se vai facer cargo das perdas que poidan sufrir as persoas destes concellos, nomeadamente as labregas e labregos, en grave risco de atoparse con problemas de intoxicación ou contaminación e a cidadanía en xeral.

Vai a Consellaría de Medio Rural a facerse cargo das posíbeis contaminacións e, coma especifica a propia Orde, estes tratamentos non lles van repercutir economicamente ós interesados? Quen se vai responsabilizar dos efectos a posteriori?

Denunciamos tamén a prepotencia de dita consellería na falla de protocolos e normas establecidos o respecto, dende a falla de información ambiental, LEI 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente . Ou non é de interese para a cidadanía os efectos e consecuencias das contaminacións que van sufrir os acuíferos, a perda da biodiversidade, as mortes dos apiarios nestas zonas, o gando que pace nas veigas ou as repercusións negativas por contaminación das explotacións agrarias ubicadas nestas áreas?

Ademais, dende o SLG entendemos que a Administración non se atopa exenta de cumprir co disposto no Decreto 133/2008, de 12 de xuño, polo que se regula a avaliación de incidencia ambiental. Igualmente, nas obrigas que este Decreto impón, tendo presente a actividade de que se trata (insalubridade, nocividade, etc), nin a Lei de Protección ambiental de Galiza.

Dende o SLG preguntámonos se este o xeito de preservar e manter o noso medio? Sabe a CMR como afectan estes tratamentos ó resto da nosa fauna e flora?

Semella unha falla de responsabilidade absoluta, e esiximos que a CMR traslade á cidadanía o protocolo a seguir nestes casos, así como cales son as medidas desenvolvidas cara unha adecuada protección e información, xa que como a propia Consellaría transmitiu: o produto aplícase mediante canóns que poden chegar a pulverizar ata os 200 metros de distancia.

Entende a Consellaría que mediante avisos nas paxinas web e bandos, notificando que haberá fumigacións mais sen sinalar a necesidade de tomar ningunha medida especifica de control, se acada unha seguridade e información suficiente para a cidadanía, en relación co medio ambiente ou as producións próximas a estas fumigacións?

Outra vez caen na desidia interesada de supor que os e as habitantes do medio rural se atopan en igualdade de condicións (infraestruturas, novas tecnoloxías, transporte...) que os das cidades, e que toda persoa pode e sabe consultar na internet os avisos e recomendacións que a Administración ten a obriga de difundir.

O Sindicato Labrego Galego reitera a esixencia á Administración e ás entidades locais de que cumpran coas normativas establecidas ao efecto ó igual que calquera cidadán do noso pais.