A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Aberto o prazo de alegacións para impedir a experimentación transxénica no agro galego

Aberto o prazo de alegacións para impedir a experimentación transxénica no agro galego

13 de Xaneiro do 2010

semente transxénica

Na mañá de hoxe o Sindicato Labrego Galego presentou alegacións na contra das solicitudes de LIBERACIÓN DE PLANTAS SUPERIORES MODIFICADAS XENÉTICAMENTE (PSMG), proposta por MONSANTO EUROPE, S.A representado por MONSANTO AGRICULTURA ESPAÑA S.L.

As variedades de millo obxecto do mantemento de ensaios baixo supervisión oficial son as seguintes:

NK603: modificado xeneticamente para tolerancia a glifosato, con número de notificación B/ES/10/9.

NK603+MON810: modificado xeneticamente para tolerancia a glifosato e resistencia a coleópteros e lepidópteros, con número de notificación B/ES/10/10.

MON 88017: modificado xeneticamente para tolerancia a glifosato e resistencia a coleópteros, con número de notificación B/ES/10/11.

MON89034+NK603: modificado xeneticamente para tolerancia a glifosato e resistencia a coleópteros e lepidópteros, con número de notificación B/ES/10/12.

MON89034+MON88017: modificado xeneticamente para tolerancia a glifosato e resistente os lepidópteros, con número de notificación B/ES/10/13.

Ao igual que o ano pasado por estas datas1, as multinacionais da biotecnoloxía, coma parte do seu plan de negocios global, seguen a insistir no seu obxectivo de rematar coas variedades autóctonas da Galiza acadando no mercado a imposición total de sementes patentadas, é dicir, privatizadas, que nos leven polo camiño de ter que mercar sementes cada ano -canda os seus produtos específicos asociados, tamén elaborados pola mesma empresa que fabrica as sementes-, impedindo recoller as nosas propias sementes para empregar na vindeira sementeira e penalizando o intercambio de sementes entre as labregas e labregos.

O Sindicato Labrego Galego, leva dende a década dos noventa alertando da perigosidade para a saúde humana dos alimentos modificados xeneticamente, así coma da estratexia de privatización na que se enmarca a implantación deste novo sistema produtivo agroindustrial, alarma que a día de hoxe fica constatada ao comprobarmos que os dez maiores grupos transnacionais de sementes -adicadas tamén aos agroquímicos- controlan o 67% do mercado2.

Facendo forza común canda outras organizacións integrantes da Plataforma Galega Antitransxénicos, dende o eido agrario, social, ecoloxista, técnico, de consumidores e consumidoras, etc. seguimos a insistir en denunciar que o agro da Galiza está a ser obxectivo destas empresas privatizadoras da produción de alimentos, promotoras de sementes de toxicidade cientificamente probada3, minando directamente as posibilidades de acadarmos a soberanía alimentaria do noso pobo.

Até o vindeiro día 17 de xaneiro permanece aberto o prazo para que organizacións e persoas a título individual presenten as súas alegacións.

O Sindicato Labrego Galego e a Plataforma Galega Antitransxénicos poñen a disposición daquelas persoas e organizacións interesadas modelos de solicitude alegación, que poden ser demandados nos enderezos info@galizasentransxenicos.org ou csanchezparga@yahoo.es

 

 

________

 

1.http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=30&i=122

http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=30&i=118

2. Dato proporcionado en outubro do 2009 polo relator especial de la ONU sobre o dereito á alimentación, Olivier de Schutter

3. http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=30&i=155