A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Accións a levar adiante pola Plataforma en defensa das UXFOR, concretadas na xuntanza interna mantida onte.

Accións a levar adiante pola Plataforma en defensa das UXFOR, concretadas na xuntanza interna mantida onte.

18 de Xaneiro do 2010

uxfor

Tra-la análise dos resultados obtidos nos encontros mantidos cos grupos políticos parlamentares, coa Dirección Xeral de Montes e co Delegado Territorial da Xunta da Galiza en Ourense, a Plataforma en defensa das UXFOR vén de decidir facer chegar ao Conselleiro do Medio Rural, D. Samuel Juárez, unha carta crítica coa actitude da CMR ao respeito da paralización total na que se atopa a constitución das Unidades de Xestión Forestal.

Esta paralización está a devir en grandes prexuízos para as UXFOR, como a imposibilidade de acceder a ordes de axuda como a emitida recentemente para o fomento da silvicultura, na que ficamos omitidas como posíbeis beneficiarias.

 

Asemade, as comisións de propietarios e propietarias e organizacións integrantes da Plataforma, reclamaremos mediante o rexistro dunha solicitude dirixida á Dirección Xeral de Montes unha resposta administrativa ao respeito do actual estado das UXFOR.

 

Neste senso, solicitaremos tamén unha entrevista co Valedor do Pobo, co obxectivo de coñecer as posibilidades deste organismo para apoiarnos, posto que a día de hoxe somos cidadás/ns totalmente atrapados/as nun proceso administrativamente paralizado, no que algúns/as atopámonos coas nosas leiras transformadas para funcionar en conxunto -repoboacións, construción de depósitos de auga, trazado de camiños, etc-, o que nos imposibilita para voltar ao estado inicial de xestión das nosas propiedades, tal e como as tiñamos antes de sumarnos a este proxecto de xestión forestal promovido polo Goberno.

 

Queremos comunicar tamén que a Plataforma segue a sumar adhesións por parte de comisións das UXFOR e organizacións, ao tempo que estamos a traballar na confección dun modelo de moción de apoio para os concellos, parte implicada nesta nosa procura dunha xestión forestal de calidade, en tanto que esta afectará ineludibelmente á ordenación do territorio.