A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. “Arroz (LL62) con chícharos, patacas novas (Amflora)”

“Arroz (LL62) con chícharos, patacas novas (Amflora)”

3 de Marzo do 2010

os pataqueiros da BASF

No día de onte fíxose público, acompañado dun claro rexeitamento social e alto grao de preocupación, o anuncio da comercialización de tres novas variedades de millo transxénico Monsanto (MON863xMON810, MON863Xnk603 e MON863xMOPN810XNK603) e o cultivo da variedade de pataca xeneticamente modificada Amflora, producida polo grupo alemán BASF.

BASF é a empresa química máis importante do mundo, cun amplo portafolio que vai dende produtos químicos, plásticos, produtos de acabado, agricultura, química fina ata petróleo e gas natural.” (http://www.basf.es/ecp1/Productos_Industrias/index).

A autopresentación proporcionada por BASF na súa páxina web abonda para disuadirnos da idea de confiar en ningunha das súas propostas alimentarias, nin pra nós nin pra o gando que logo haberemos de comer.

E abonda tamén para que fique clara a carencia de sentido común e ausencia de responsabilidade de cara á cidadanía ostentada dende o goberno europeo a través do novo comisario de saúde, John Dalli, que non dubida en autorizar que quen nos vende químicos xestione a nosa alimentación, a nosa saúde en definitiva, expoñendo ademais os cultivos de pataca tradicionais á contaminación transxénica (a autorización para cultivo inclúe unha cláusula que autoriza a "presenza accidental" dun 0,9% deste transxénico en alimentos para as persoas e animais).

Dende a Plataforma Galega Antitransxénicos adherímonos á condena deste ataque xa feita pública por organizacións ecoloxistas, sociais e agrarias a nivel estatal, transmitindo a nosa indignación polo amparo da lexislación comunitaria a esta nova porta aberta á especulación coa nosa saúde e o ataque aos nosos modos de produción.

Queremos transmitir á sociedade galega que a pataca transxénica Amflora contén un xen que a fai resistente a determinados antibióticos, o que pode supoñer a perda de efectividade de determinados antibióticos imprescindibles en tratamento contra a tuberculose. Mesmo a Organización Mundial da Saúde e a Axencia Europea do Medicamento advertiron desta problemática1, e a preocupación é tal que no 2001 foi adoptada unha lei europea que requería a retirada paulatina até o 2004 de xens de resistenza a antibióticos2.

 Claro que para a BASF algunhas das doenzas que poidan xurdir do consumo destes alimentos modificados xeneticamente seguramente lle aporten máis beneficios, xa que como outras multinacionais da agroquímica, tivo boa conta de diversificar riscos e pechar o círculo de negocio, involucrándose tamén na fabricación de medicamentos3: o vindeiro 8 de marzo “BASF presenta a súa experiencia ao mundo na 7ª reunión de Farmacia, Biopharmacia e Tecnoloxía Farmacéutica en Malta”.

Novamente o escurantismo* acompaña a autorización da entrada dun alimento transxénico na nosa alimentación: o Comisario de Saúde e Consumidores, John Dalli, dacordo co Presidente Barroso, deu a autorización a través dun procedemento que evita o debate do Colexio de Comisarios.

A PGA continúa dinamizando a oposición social contra os OXM´s

Dende a Plataforma Galega Antitransxénicos foron achegadas no día de hoxe ao Ministerio de Medioambiente, Medio Rural e Mariño as alegacións ás solicitudes de experimentación con millo transxénico en Mesía, o prazo para a presentación de máis alegacións remata este venres día 5 de marzo.

Asemade foron tamén transmitidas as demandas de información ambiental ao respeito das sete solicitudes de experimentación con millo transxénico na Galiza realizadas o pasado 5 de xaneiros pola multinacional Pionner.

Cómpre lembrar que en numerosas ocasións foi solicitada pola PGA a información exacta das parcelas de experimentación transxénica, obtendo sempre a negativa da Administración, tanto galega, coma estatal e europea, á transmisión desta información malia a que unha sentencia do Tribunal de Xustiza Europeo (Sala Cuarta, procedemento Sentencia C-552/07 Azelvandre) resolve que “…en ningún caso pode mantenerse secreta a información relativa á evaluación do risco para o medio ambiente. En efecto, tal evaluación só pode levarse a cabo tendo pleno coñecemento da liberación proxectada, posto que, a falta destes datos, non poderían apreciarse adecuadamente as posíbeis repercusións derivadas dunha liberación intencional de OXM sobre a saúde humana e o medio ambiente ”.

Malia a falta de apoio por parte dos gobernos nesta loita encabezada pola cidadanía, a oposición aos organismos xeneticamente modificados continúa adquirindo forza: o concello de Allariz vén de se declarar nesta semana libre de transxénicos4.

O vindeiro venres 5 de marzo terá lugar unha asamblea aberta da Plataforma Galega Antitransxénicos (PGA), integrada xa por máis de corenta colectivos5. Animamos a aquelas organizacións e persoas a título individual comprometidas con esta loita a contactar connosco no enderezo electrónico info@galizasentransxénicos.com de cara a asistir a este encontro e/ou coordinármonos para artellar novas vías de resistenza na Galiza.

 Asemade, o vindeiro 17 de abril, ao igual que o ano pasado, xuntaremos forzas en todo o Estado para manifestar en Madrid o noso rexeitamento a estes cultivos e o nosa indignación por vivir no Estado que alberga o 80% do millo transxénico sementado en toda a UE.

http://www.who.int/foodborne_disease/resistance/amr_feb2005.pdf

  1. http://www.emea.europa.eu/pdfs/human/opiniongen/5693707en.pdf

  2. http://www.basf.com/group/pressrelease/P-10-178

  3. http://www.allariz.com/vernoticia.asp?id=1257

  4. http://www.galizasentransxenicos.org/

*Arquivo para descarregar:informe Las Malas Compañías, elaborado por Amigos de la Tierra ao respeito das presións das multinacionais nas decisións gubernamentais no tocante á aprobación de lexislación pro-transxénica, pódese atopar tamén no enlace: http://www.tierra.org/spip/IMG/pdf/Las_malas_companias_II.pdf

Ficheiro adxunto