A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. A pataca transxénica, un novo ataque ao sector produtor

A pataca transxénica, un novo ataque ao sector produtor

4 de Marzo do 2010

pataca transxenica

A pataca transxénica Amflora, propiedade da compañía química máis grande do mundo, a alemana BASF, supón un novo ataque á produción tradicional de alimentos, dende a horta até o gando.

Primeiramente, no noso país contamos cunha grande produción de pataca de calidade, e a pataca transxénica Amflora entraría en competencia coa nosa produción alimentaría, xa que vai necesitar enormes extensións de terra cultivable.

 

Para o SLG é preciso que os gobernos teñan un amplo debate sobre as prioridades a dar no tocante á utilización das terras, e que interveña a cidadanía.

 

Fica clara a imposibilidade de garantir que non se producirán contaxios en cultivos tradicionais e ecolóxicos, xa que esta contaminación está mesmo prevista e protexida pola UE cunha cláusula que permite a presencia de até un 0,9% de contaminación en alimentación humana e animal sen que se poida tomar medidas contra a BASF.

 

No caso do gando, as consecuencias son moito máis claras, xa que neste caso concreto a pataca Amflora contén un xen que a fai resistente a determinados antibióticos, o que pode supoñer a perda de efectividade nas persoas de determinados antibióticos imprescindibles en tratamento contra a tuberculose.

 

De feito a preocupación é tal que no 2001 foi adoptada unha lei europea que requería a retirada paulatina até o 2004 de xens de resistenza a antibióticos. Pode ser que este sexa o motivo de que a Basf pedira a autorización da pataca Amflora no 2005.

 

Din que a pataca Amflora ten un maior contido en almidón. Sen embargo, as patacas non transxénicas que producimos teñen case o mesmo contido de almidón pero sen os xenes de resistencia a antibióticos, o cal demostra que pataca transxénica e absolutamente innecesaria. De feito, tanto Francia (un dos maiores produtores europeos de pataca) coma Alemania (sede da BASF) acolléronse á Cláusula de Salvagarda para non sementala.

 

Para o Sindicato Labrego Galego fica claro que a aprobación da Comisión responde aos intereses da BASF, algo habitual cando multitude de altos cargos políticos proveñen das altas esferas das empresas e viceversa. A BASF anunciou un aumento de beneficios de entre o 20 / 30 millons de euros anuais coa comercialización desta pataca.

 

Por outra banda, se alguén quixera sementar esta pataca, estaría sometido/a a un contrato con empresas papeleiras. Ademais a semente da pataca Amflora só pode ser utilizada nunha sementeira, ao igual que o resto de transxénicos, posto que están patentados. No sistema tradicional, en cambio, parte da colleita é gardada para ser empregada coma semente na seguinte.

 

O seu obxectivo principal son as agroindustrias, a produción intensiva e os monocultivos. Cando falamos de agroindustria falamos de biopiratería, da privatización dos bens colectivos, da perda absoluta do control das labregas e labregos sobre a produción de alimentos, e dunha total dependencia do paquete tecnolóxico que nos venden estas empresas (ás sementes modificadas xenéticamente hai que botarlles un tipo de produtos proporcionados pola mesma empresa) ademais da progresiva desaparición das explotacións familiares labregas.

 

A biotecnoloxia é unha actividade comercial, non está dirixida a solucionar os problemas que temos as labregas nin dirixida a unha produción local de alimentos e moito menos a contemplar dereitos da cidadanía como o dereito á soberanía alimentar.

 

Dende o SLG denunciamos publicamente a pasividade e o dobre xogo das nosas institucións e os nosos gobernos, que poñen os intereses económicos por enriba da produción de alimentos.