A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Solicitude de xuntanza co representante na Comisión Nacional de Bioseguridade, traballo conxunto cos concellos e participación na mobilización contra os OXM´s

Solicitude de xuntanza co representante na Comisión Nacional de Bioseguridade, traballo conxunto cos concellos e participación na mobilización contra os OXM´s

13 de Abril do 2010

Voceiras da PGA

Representantes da Plataforma Galega Antitransxénicos anunciaron na mañá de hoxe o rexistro dunha solicitude de xuntanza co Xefe da área de Sanidade Vexetal e representante da Galiza no Comité Nacional de Bioseguridade, Ramón Jesús Lamelo Otero.

 

pga

Analía Moares (Amigos da Terra), María Ogando (Verdagaia) e Charo Sánchez (SLG).

 

Devandito encontro foi un compromiso contraido tanto por Lamelo coma pola PGA na reunión mantida o pasado 15 de xullo de 2009, co obxectivo de establecer unha vía de comunicación e colaboración entre a Administración e a sociedade.

 

A finalidade desta xuntanza será coñecer a situación das solicitudes de experimentación realizadas por parte das multinacionais da biotecnoloxía na Galiza, aclarar o posicionamento oficial da Consellería de Medio Rural sobor das liberacións ao medio e experimentación con organismos xeneticamente modificados dentro do territorio galego e coñecer o plan de traballo da Xunta da Galiza para cumprir os acordos acadados no Parlamento Galego relativos aos Organismos Xeneticamente Modificados (OXM) no noso país.

 

Entidades locais na contra dos OXM´s.

 

As representantes da PGA valoraron tamén positivamente a xornada de debate realizada en colaboración co concello de Ames o pasado venres 9.

 

Lembramos que esta xornada cumpre co acordado na resolución aprobada por unanimidade na que se declarou o concello coma libre de transxénicos, e mediante a cal foron tomadas decisións realmente ubicadas na vangarda desta loita como a prohibición de servir alimentación transxénica nos comedores escolares públicos.

 

Por primeira vez un representante da opinión favorable aos transxénicos accedeu a compartir mesa de debate, xesto que dende a Plataforma Galega Antitransxénicos agradecemos moi especialmente, xa que a tónica predominante é a negativa a participar nestas actividades, limitando a expresión do discurso pro-transxénico a eidos que carezan da posibilidade de réplica (como as entrevistas unilaterais ou os artigos asinados).

 

Pódese acceder ao audio e imaxes das intervencións no debate no enlace http://www.galizasentransxenicos.org/?q=node/256 .

 

Na mesma liña de loita conxunta cos concellos da Galiza, ao tempo que se dá cumprimento ás resolucións acordadas para a declaración dun municipio “libre de transxénicos”, a principios de maio a Plataforma Galega Antritransxénicos e o concello de Chantada desenvolverán unha xornada informativa. Cómpre salientar a situación especial deste concello, que malia a terse declarado libre de transxénicos no 2008, foi solicitado para a realización de campos experimentais no ano 2009.

 

A xornada contará cunha parte de debate informativo aberto á cidadanía en xeral, e outra dirixida a mozos e mozas do Instituto Lama das Quendas (de Chantada), que pretende fomentar a capacidade de análise crítica e complementar o traballo iniciado no centro educativo sobre as repercusións dos OXM e a súa situación no noso territorio.

 

Manifestación 17 de abril (Día da Loita Labrega)

 

A PGA trasladou a expectación coa que se están a vivir os días precedentes á realización da 2ª manifestación estatal contra os organismos xeneticamente modificados, á cal prevese unha asistencia maior que a da que se deu en chamar “histórica” mobilización contra os transxénicos o ano pasado en Zaragoza, o que mesmo suscitou a modificación do percorrido inicialmente autorizado pola Subdelegación do Goberno.

 

Tamén se rexistraron novas adhesións á convocatoria, que arestora agrupa tanto organizacións agrarias, coma ecoloxistas, de consumo, entidades veciñais, da xuventude, do eido educativo ou sindicatos obreiros.

 

Forma parte deste ambiente tamén o feito de que o Estado español ostente a presidencia europea xusto no momento en que, logo de doce anos, por primeira vez a UE autorizou a comercialización de tres novas variedades de millo transxénico Monsanto (MON863xMON810, MON863Xnk603 e MON863xMOPN810XNK603) e o cultivo da variedade de pataca xeneticamente modificada Amflora.

 

Dende Galiza sairán autobuses na noite do venres ao sábado cara a manifestación de Madrid, estando de regreso sobre as 24:00hrs. do propio sábado 17.

 

Animamos á cidadanía a apuntarse para acudir a visibilizar a súa oposición aos organismos xeneticamente modificados e ao sistema produtivo que implican, mobilizándose canda a Plataforma Galega Antitransxénicos o vindeiro sábado en Madrid baixo o lema Rexeitamento da sociedade civil á introdución de organismos xeneticamente modificados na nosa agricultura e alimentación. Pódense reservar prazas no bus de balde da PGA no correio nacional@sindicatolabrego.com e nos telefones 981 554 147 e 680 118 479.

 

*Axuntamos solicitude de xuntanza enviada a Jesús Lamelo Otero.

 

Nota aclaratoria:

no presente ano 2010 somentes a empresa Pioneer solicitou a realización de campos de ensaio (7 eventos), todos no concello de Mesía.

Rectificación:

Na nota de prensa emitida pola PGA o pasado 6 de Abril do 2010 (http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=3&i=504), na que se mencionan a Pioneer e Monsanto, cómpre eliminar a empresa Monsanto, xa que afortunadamente este ano desistiu no seu empeño.  Fica o texto do seguinte modo:

(...)No presente ano a actual Consellaría non rexistrou alegación algunha contra os campos experimentais solicitados por Pioneer. Tampouco figura como asistinte nas actas da Comisión Nacional de Biotecnoloxía o seu representante, Ramón Jesús Lamelo Otero (Xefe de Área de Sanidade Vexetal da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria da Xunta da Galiza). Neste senso a PGA, que xa se reuniu con el o pasado mes de xullo, demandará proximamente unha entrevista a fin de aclarar a posición da Goberno galego.(...)


 

 pga

Ficheiro adxunto