A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Valoracións iniciais ao respecto das SOFOR

Valoracións iniciais ao respecto das SOFOR

13 de Xullo do 2010

montes da galiza

Fai moito tempo xa que se constatou no País a necesidade de dar solución á problemática do excesivo fraccionamento da terra, especialmente no monte. De todos e todas é sabido que unha xestión conxunta das parcelas permitiría aumenta-la superficie de actuación de cara a unha maior facilidade nos traballos e un maior rendemento, e o que é máis importante: unha maior ordenación de usos e diversificación da produción, acadando un mellor desenvolvemento do medio rural vivo polo que loitamos as labregas e labregos en particular e a sociedade galega en xeral.

Por iso dende o Sindicato Labrego Galego cremos que se debe artellar unha fórmula que implique a participación da sociedade rural, a capacidade de decisión dos propietarios/as, a valorización dos nosos montes, etc... E, neste senso, a figura das Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR), presentada pola Consellaría de Medio Rural, xéranos certas dúbidas...

 

1. En primeiro termo, e pensamos que é unha característica que non só nos sorprendeu a nós, as Sociedades de Fomento Forestal articúlanse cun marcado “tinte” empresarial ó ampararse baixo o epígrafe das S.L., cos compromisos fiscais que pode implicar para unha produción primaria.

 

Outro aspecto “empresarial” da nova figura é a entrada de capital externo na sociedade, que pode supoñer un ata un 49 % das participacións sociais, o que concede ó interese empresarial unha gran capacidade de decisión sobre o futuro dos montes galegos agrupados baixo a figura de SOFOR.

 

2. Por outra banda, a cuestión fundamental da multifuncionalidade do monte, representada historicamente polos seus fins sociais, medioambientais e de diversidade produtiva, verase desfavorecida polas limitacións impostas en canto a superficies mínimas, baseadas no tipo de “cultivo arbóreo” ó que se destinará a superficie, obviando calquera outro tipo de usos (silvopastoral, apícola, micolóxico, roteiros, aulas da natureza...) e poñendo trabas á combinación destes.

 

3.No tocante ao plano económico, segundo se indicou na presentación, a Consellaría subvencionará o 100% do investimento para realizar concentracións privadas das terras xestionadas polas SOFOR.

 

Mais, se unha vez que se inicia a xestión conxunta das parcelas, estas funcionan dende xa como un ente único no que os/as propietarios/as posúen unhas cotas de participación en función do aporte inicial de terras e/ou bens, para que é necesario fomentar mediante axudas económicas a concentración forestal das parcelas, se a efectos prácticos estarían sendo xestionadas xa como se estiveran concentradas?

 

Este dobre financiamento dun mesmo obxectivo choca de fronte co plan de austeridade que se nos quere facer crer que impoñen dende a Xunta de Galicia.

 

Sería bastante máis útil destinar esas dotacións orzamentarias para poñer en orde a incorrecta revisión catastral do País, ou o que sería mellor, cumprir cunha obriga inmemorial da Administración galega como é deslindar os Montes Veciñais en Man Común.

 

4. Neste senso, as axudas destinadas á realización dos imprescindibles Instrumentos de Xestión Forestal, que no caso das Sociedades de Fomento Forestal poderían ascender ata o 100 % do custo, deberíanse estender tamén aos propietarios/as e ás comunidades de montes.

 

5. Continuando na liña da necesidade -e máis nos tempos que corren- de racionalizar os investimentos públicos, un aspecto que non está definido no borrador do Decreto é a forma na que as UXFOR que tiñan iniciado o proceso de constitución -declaración de interese, solicitude de constitución, Instrumento de Xestión Forestal, estudo da propiedade, inicio de plantacións e infraestructuras ...- se poden acoller a esta nova figura, tendo conta de aproveitar o traballo documental e sobre o terreo xa realizados.