A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Danos da fauna salvaxe nos núcleos de poboación rural da Terra Chá

Danos da fauna salvaxe nos núcleos de poboación rural da Terra Chá

29 de Xullo do 2010

Xavier Gómez e Adolfo Cabarcos

Na mañá de hoxe, xoves 29 de xullo, o Secretario de Sectores Gandeiros do SLG, Adolfo Cabarcos, e o Coordenador de Sectores Gandeiros, Xavier Gómez Santiso, deron conta -nunha rolda de prensa celebrada en Vilalba- da forte incidencia que os danos ocasionados pola fauna salvaxe, nomeadamente o xarabarín, están a ter nos núcleos de poboación rural da comarca d´A Terra Chá.

290710vilalba

Xavier Gómez -Coordenador de Sectores Gandeiros- e Adolfo Cabarcos -Secretario de Sectores Gandeiros- durante a rolda de prensa desta mañá en Vilalba.

 

Como temos sinalado en anteriores ocasións, o sector agrogandeiro non debe de seguir cubrindo en exclusiva os custes e as perdas que derivan do mantemento da fauna salvaxe, posto que coma patrimonio natural que é, a conservación da mesma debe involucrar ao conxunto da sociedade .

 

Este ano, a cantidade de fauna salvaxe presente na comarca d´A Terra Chá está a ser tal que os animais non só teñen que andar na procura de comida nas explotacións agrogandeiras, senón que tamén a produción das hortas domésticas para autoconsumo -presente na práctica totalidade das vivendas do rural-, estase a ver atacada, mostra dunha situación límite á que até o de agora nunca se chegara.

 

Así as cousas, nestes momentos na comarca da Terra Chá mesmo quen só ten unha pequena horta, estase a prantexar a instalación de pastores eléctricos ou outras medidas para deste xeito protexer os cultivos, co custo económico engadido que isto supón.

 

Por outra banda, con respecto ás indemnizacións estipuladas -que como máximo poden chegar aos 1,200€ por explotación e ano, e ademais só poden ser solicitadas por persoas dadas de alta na Seguridade Social Agraria-, inda están sen pagar as solicitadas o ano pasado, o que a priori indica que as posibilidades de sufragar as perdas do presente ano son realmente escasas.

 

Dende o Sindicato Labrego Galego denunciamos esta situación que se está a dar nos núcleos rurais chairegos, ao tempo que chamamos a atención sobre a responsabilidade que tanto a Dirección Xeral de Conservación da Natureza coma a Consellaría do Medio Rural en xeral teñen á hora de manter o equilibrio da fauna salvaxe, así coma a normal convivencia desta coas labregas e labregos do País.

 

Neste senso, xa no mes de febreiro o Sindicato Labrego Galego mantivo unha reunión co Director Xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón, e co Subdirector Xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas, Emilio Rosa Solana, no que, ademais de abordar a problemática dos ataques da fauna salvaxe ás explotacións agrogandeiras da Galiza, fíxoselles entrega dun documento no que compilamos unha serie de propostas concretas para poñer fin a esta problemática.

 

Por último, facemos tamén un chamamento aos concellos da Terra Chá para vermos de entre todas e todos resolver esta situación de tal xeito que as persoas que vivimos no rural poidamos gozar dunha mellor calidade de vida ao tempo que conxuntamente conservamos a fauna salvaxe da Galiza.

 

 

Información relacionada:

 

[24 de Febreiro do 2010 ] O SLG solicita diante da D.X. de Conservación da Natureza a implicación de toda a sociedade no mantemento da fauna salvaxe: http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=32&i=465

[21 de Abril do 2010] Valoración xuntanza co Subdirector Xeral de Gandaría: http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=28&i=522

Documento coas propostas pra facer fronte á problemática dos ataques da fauna salvaxe dispoñíbel para descarregar no enlace http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=32&i=465