A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. A Plataforma Galega Antitransxénicos urxe á Xunta para que se posicione politicamente diante dos Organismos Xeneticamente Modificados

A Plataforma Galega Antitransxénicos urxe á Xunta para que se posicione politicamente diante dos Organismos Xeneticamente Modificados

19 de Novembro do 2010

Plataforma Galega Antitransxénicos

Charo Sánchez Parga, Analía Moares e Adolfo Naia, en representación da Plataforma Galega Antitransxénicos (PGA), mantiveron, o pasado 17 de novembro, un encontro coa subdirectora xeral de Apoio ás Explotacións Agrarias, Patricia Ulloa, e o xefe do servizo de Sanidade e Produción Vexetal, Ramón Lamelo.

O encontro iniciouse coa exposición que os cargos da Consellaría de Medio Rural fixeron do traballo desenvolvido no ano 2010 en materia de transxénicos: accións relacionadas coa parcela experimental de Mesía, o posicionamento unánime das comunidades autónomas en relación ás recomendacións en materia de coexistencia da Comisión Europea, ou a asistencia á comisión nacional de bioseguridade.

Aínda que esta parte do encontro foi positiva, así como o intercambio de pareceres, propostas e inquedanzas posterior; a Plataforma Galega Antitransxénicos botou de menos que a Xunta de Galiza siga sen posicionarse politicamente nunha cuestión tan transcendental para a nosa seguridade alimentaria coma os organismos xeneticamente modificados. Para a PGA, de pouco serve o traballo técnico desenvolvido pola Consellaría de Medio Rural, se o Goberno Galego non fai pública a súa posición diante dos transxénicos. Ademais, dende a PGA preguntámonos en base a que posicionamento e directrices políticas se están a desenvolver todo o traballo e decisións técnicas realizados pola Consellaría de Medio Rural en materia de transxénicos.

En relación ao devandito, a Plataforma fixo unha chamada de atención diante da pasividade demostrada pola Xunta á hora de pór en práctica o acordo unánime, votado favorablemente polas tres forzas políticas do Parlamento de Galiza, de cara a realizar campañas formativas, informativas e de sensibilización coa problemática dos transxénicos entre a poboación galega; ou a establecer canles de comunicación estables entre a Administración e a sociedade civil neste particular. Diante destes feitos, @s representantes da PGA instaron a Ulloa e a Lamelo a transmitir as súas queixas ao Executivo Galego, e reclamaron que este se exprese e comece a desenvolver as accións acordadas polo Parlamento de Galiza en relación cos transxénicos e cuxa execución lle foi solicitada xa en reiteradas ocasións, sen ter obtido aínda unha resposta.

Reunión da PGA na Xunta