A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. O SLG esixe solucións para a fauna salvaxe por terse convertido nun problema de orde social que ameaza a economía e a integridade das xentes do rural

O SLG esixe solucións para a fauna salvaxe por terse convertido nun problema de orde social que ameaza a economía e a integridade das xentes do rural

13 de Xuño do 2011

Rolda de prensa

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, e o responsable dos sectores gandeiros na mesma organización, Adolfo Cabarcos, ofreceron hoxe, 13 de xuño, unha rolda de prensa para denunciar o crecemento exponencial dos ataques da fauna salvaxe sobre as explotacións agrarias, que se está a transformar nun problema de “orde social e de perigo da integridade física das persoas que vivimos no rural”. Declaraba isto a secretaria xeral do SLG, que afirmou que “a fauna salvaxe está invadindo, agora mesmo, as nosas vidas”. Carme Freire sentenciou que “os ataques da fauna salvaxe están poñendo en perigo a nosa economía, necesaria para poder vivir; pero tamén poñen en perigo as nosas vidas”. 

Adolfo Cabarcos relatou con exemplos como as especies salvaxes que proliferan polo rural galego xa supoñen algo máis que un enorme problema de danos económicos que sofren a práctica totalidade das explotacións galegas. Laradas de até quince xabarís que se achegan aos silos das explotacións para comer o millo ensilado, porcos bravos que acceden mesmo ás autoestradas e provocan accidentes de tráfico, ou fatos de lobos que se pasean a carón das casas, comezan a ser estampas habituais do medio rural galego. Cabarcos tamén puxo outros exemplos dos que non se fala tanto, como os ataques de veados e corzos que desfán plantacións forestais enteiras, ou os dos corvos, especialmente nocivos ao destruír plantacións de millo e de horta ao arrincar os grans que se plantan na terra. Todos estes exemplos son unha clara mostra do forte desequilibrio existente en determinadas especies animais salvaxes da Galiza e de como están a pór en xaque a viabilidade de moitas explotacións agrarias e gandeiras.

Carme Freire denunciou o absoluto desleixo da Xunta, que mantén un sistema de axudas para paliar os danos da fauna salvaxe deseñado para que a xente non os denuncie. Isto acontece por mor da enorme carga burocrática que supón iniciar un proceso de denuncia, e polo irrisorias que son as axudas, supoñendo que se cheguen a cobrar. Neste senso, Adolfo Cabarcos recordou que aínda hai axudas solicitadas no ano 2009 que non se cobraron, cousa que acontece coa totalidade das solicitadas no 2010.

Freire reclamou que a Xunta considere o da fauna salvaxe como un problema de orde xeral que afecta a toda a cidadanía e que non para de medrar. Mais, pola contra, as actuacións da Xunta van en sentido contrario, cun sistema de compensacións manifestamente insuficiente e inútil; e con accións de goberno como permitir a violación flagrante da lei ao non impedir a forestación de terras agrarias que se está a facer de maneira xeneralizada en todo o país, usurpando a base territorial das explotacións e aumentando o hábitat das especies salvaxes até traelo á porta das casas. Ademais, os territorios cinexeticamente ordenados (Tecores), nos que hoxe recae parte da responsabilidade á hora de indemnizar polos danos causados pola fauna salvaxe, estanse a amosar totalmente impotentes á hora de manter controlada a poboación destas especies.

Ataque xabaril