A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. A Consellaría de Medio Rural marxina a plantación de frondosas a favor do monocultivo de piñeiro

A Consellaría de Medio Rural marxina a plantación de frondosas a favor do monocultivo de piñeiro

6 de Xullo do 2011

Arume

O pasado 28 de xuño, a Consellaría de Medio Rural publicaba no DOG a orde para fomento de primeira forestación de terras non agrícolas, despois de non tela convocado o ano pasado. Tras unha primeira lectura, vese que a gran aposta de Medio Rural polos nosos montes consiste en convertelos ao monocultivo de coníferas (nomeadamente, piñeiros), en detrimento das árbores frondosas e autóctonas.

En primeiro lugar, deixa de subvencionarse a plantación de todas as frondosas agás o castiñeiro. En segundo lugar, a plantación de castiñeiros require moitas máis esixencias que a de coníferas coa nova orde. Por exemplo, nos montes veciñais de menos de 50 hectáreas, esixen un mínimo de 5 hectáreas para plantar piñeiro, mentres que a superficie sobe a 15 hectáreas mínimas se queremos plantar castiñeiro; se os que plantan son particulares, necesitarán só 3 hectáreas para piñeiro, pero 5 hectáreas para castiñeiro.

Só existe unha excepción na que se poden plantar frondosas: cando un curso de auga cruce unha plantación de coníferas, poderanse plantar frondosas nas ribeiras do leito, xa que a lei prohibe as coníferas a menos de dez metros dos cursos fluviais. É dicir, coa nova orde a Consellaría de Medio Rural relega as árbores frondosas ás ribeiras dos regatos e ríos.

Outro dos atrancos consiste en que a nova orde obriga a presentar un proxecto técnico e a nomear un director ou unha directora de obra antes de saber se a axuda está concedida e, polo tanto, antes de saber se contará con financiamento para realizarse. É dicir, que quen queiran facer unha plantación forestal, terán que arriscarse a investir cartos no proxecto e no nomeamento dun director ou directora de obra sen saber se poderán executar o plantío. Por se non abondase, ao publicarse a orde no verán, os gabinetes técnicos forestais que redactan proxectos están baixo mínimos debido ás vacacións estivais.

Para o Sindicato Labrego Galego, a nova orde de forestación de terras non agrícolas é un suma e segue nunha ordenación do territorio caótica que só conduce á destrución do noso rural e do medio de vida das explotacións labregas. A Consellaría de Medio Rural está a apostar, con esta orde, por arrebatarlle o monte á cidadanía e ás nosas explotacións para poñelo ao servizo dos intereses das grandes industrias madeireiras. Nin que dicir ten que o impacto desta orde vai ser brutal para a nosa paisaxe e para o noso medio ambiente, creándose un entorno do máis apto para a proliferación de incendios forestais; pero tamén se deixará notar na economía das explotacións. Isto é así porque deixan de estar apoiadas pola administración actividades que poderían servir de complemento económico ás maltreitas rendas labregas, como as plantacións forestais para obter madeira de calidade, a produción de froitos (cereixas, noces, etcétera), o cultivo de cogomelos con árbores micorrizadas ou o silvopastoreo. En canto ao cultivo de castiñeiros, os requisitos para financiar a súa plantación son tan difíciles de cumprir que, no meirande dos casos, se verán desprazados polos plantíos de coníferas coma o piñeiro.

Con esta orde, unida ao borrador da Lei de Montes co que a Consellaría de Medio Rural pretende autorizar as plantacións forestais en terras agrarias (até agora prohibidas pola Lei de Prevención de Incendios), semella que o grande proxecto da Consellaría de Medio Rural para a Galiza labrega consiste en converter o meirande do noso territorio nunha monstruosa plantación de eucaliptos e piñeiros e en destruír a viabilidade das poucas explotacións agropecuarias que, contra vento e marea, tentan sobrevivir no noso país.