A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Un milleiro de sinaturas para reclamar políticas que manteñan controlada a fauna salvaxe no medio rural

Un milleiro de sinaturas para reclamar políticas que manteñan controlada a fauna salvaxe no medio rural

3 de Outubro do 2011

Rexistro de sinaturas

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, e o responsable dos sectores gandeiros na mesma organización, Adolfo Cabarcos, rexistraron hoxe, 3 de outubro, ante a Consellaría de Medio Rural, máis dun milleiro de sinaturas apoiando un escrito no que se lle demanda ao departamento que dirixe Samuel Juárez que asuma as súas responsabilidades e articule, dunha vez por todas, solucións aos danos que a falla de control da fauna salvaxe está a provocar en toda Galiza.

Carme Freire denunciou que a crítica situación económica pola que pasan as explotacións galegas, pola suba xeneralizada dos custes de produción e o estancamento ou baixada dos prezos en orixe, se está vendo agravada por varias especies de animais salvaxes que se converteron en praga e que están estragando as sementeiras e colleitas de cultivos coma o millo ou a pataca, cando non matan ou feren gravemente ao gando, ou mesmo supoñen un risco grave para as persoas.

A responsabilidade para controlar a fauna salvaxe é unha competencia da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, dependente da Consellaría de Medio Rural, que se deixou en mans dos coñecidos como territorios cinexeticamente ordenados (Tecor). Nembargante, Freire afirmou que “os tecores xa demostraron con creces que non teñen capacidade para manter controlada a poboación da fauna salvaxe en Galiza que está estragando as nosas colleitas e matando ao noso gando”. Por iso, o Sindicato Labrego reclama que a Consellaría de Medio Rural tome as rendas do problema e deseñe unha política e unha estratexia para manter controlada a poboación da fauna salvaxe da Galiza de maneira que a súa existencia poida ser compatible coas producións agrogandeiras e a vida no campo. 

Carme Freire sinalou que a pasividade da Consellaría de Medio Rural diante deste grave problema está propiciando que sexan as propias explotacións labregas as que estean custeando a mantenza da fauna salvaxe galega coas súas colleitas e cos seus animais, algo polo que as explotacións agrogandeiras na Galiza teñen perdas millonarias, en euros, todos os anos. Nin sequera existe na Galiza algo tan básico, aínda que insuficiente, como son as indemnizacións directas para compensar estes danos, que desapareceron hai un par de anos.

O responsable dos sectores gandeiros no SLG, Adolfo Cabarcos, tamén sinalou como parte do problema o desleixo da Xunta á hora non impedir as forestacións ilegais de terras agrarias, un fenómeno que se dá tamén en todo o noso país e que está aumentando exponencialmente a superficie que utilizan como hábitat os animais salvaxes, e fomentando que a poboación de especies como o lobo, o xabaril, os corzos ou os corvos acaden a dimensión dunha auténtica praga. Un primeiro paso para manter controladas a estas especies sería impedir a invasión ilegal de terras agrarias por plantíos forestais e a obriga de que as leiras que foron ocupadas recuperen o seu uso agrario orixinal.

Entrega de sinaturas

Ficheiro adxunto