A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. O SLG denuncia en Forcarei atrasos de máis de tres días na retirada de cadáveres animais das explotacións

O SLG denuncia en Forcarei atrasos de máis de tres días na retirada de cadáveres animais das explotacións

24 de Outubro do 2011

María Xesús Martínez

A María Xesús Martínez, gandeira que rexenta unha explotación leiteira en Quintela (Dúas Igrexas, Forcarei), morreulle unha vaca na noite do 20 ao 21 de outubro. En canto se fixo de día, o pasado venres pola mañá, avisou ao servizo de recollida de cadáveres animais, que na Galiza está xestionado pola empresa privada Gesuga (Gestora de Subproductos de Galicia S.L.). O normal tería sido que esta empresa recollese o cadáver da vaca ese mesmo día, ou ao día seguinte a máis tardar; pero pasou toda a fin de semana, e a vaca seguía no mesmo lugar onde morrera. Finalmente, Gesuga retirou o cadáver pasado o mediodía do luns 24 de outubro; cando o fixo, xa fora atacado por animais preeiros. Nesta ocasión houbo sorte, pois cadrou que veu o frío esta mesma fin de semana; en caso de tempo soleado, a calor tería acelerado a descomposición do cadáver e aumentarían, considerablemente, os riscos sanitarios e para a saúde das persoas e dos animais da contorna.

Este caso é un de tantos que están a acontecer na Galiza dende que a Consellaría de Medio Rural privatizou o servizo de recollida de cadáveres animais. É un caso máis de privatización dun servizo ao medio rural ou ás explotacións agrogandeiras que deriva en serias deficiencias de xestión que non se darían en caso de ser este un servizo público que contase cos recursos da Administración para poder ofrecerse cun mínimo de calidade. No caso da recollida de animais mortos nas explotacións, é obrigatorio que sexan retirados unicamente pola empresa que ten a concesión do servizo, e finánciase cun seguro que teñen que ter subscrito os gandeiros e as gandeiras. É dicir, a privatización obriga a pagar por un servizo que non reúne os mínimos de calidade esixidos.

O Sindicato Labrego Galego ten denunciado esta situación varias veces diante da Consellaría de Medio Rural. Mesmo ten esixido o estudio de alternativas á retirada obrigatoria e privatizada dos cadáveres animais das explotacións; a última vez que o fixo foi na permanente do Consello Agrario Galego, o pasado 7 de outubro. Estas alternativas pedidas polo Sindicato Labrego obedecen ao grande aumento dos ataques da fauna salvaxe -sobre todo de lobos- que se experimentou dende que se retiran os animais das explotacións para incineralos. Isto débese a que, coa incineración dos cadáveres de reses mortas, se quitou da cadea trófica unha fonte importante na alimentación da fauna salvaxe, que cada vez baixa máis aos núcleos habitados para buscar o seu sustento, co grave risco de seguridade das persoas e abondosas perdas económicas que isto provoca.

Por todo o devandito, dende o Sindicato Labrego Galego Galego insistimos na necesidade de parar xa o proceso de privatización de servizos ao medio rural e ás explotacións por parte da Xunta de Galicia, de cara a garantir a calidade dos mesmos; amais de buscar novas alternativas á incineración dos animais que morren nas explotacións. 

Vaca morta en Forcarei

 

 

undefined