A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. O SLG pide que non se aprobe a ampliación da Rede Natura até garantir a permanencia das actividades agrogandeiras

O SLG pide que non se aprobe a ampliación da Rede Natura até garantir a permanencia das actividades agrogandeiras

1 de Febreiro do 2012

Lupe Prado

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, ofreceu hoxe, 1 de febreiro, unha rolda de prensa para pedir que non se aprobe a ampliación da Rede Natura até que se definan cales son as prácticas tradicionais de produción de alimentos, e se garanta a súa permanencia a través de plans de ordenación e de xestión elaborados coa participación dos labregos e das labregas, e da cidadanía en xeral.

O SLG elixiu a localidade de Vilalba (Lugo) para valorar a ampliación da Rede Natura, por ser a capital dunha comarca eminentemente agrogandeira á que teñen afectado de cheo estes espazos protexidos. Acompañaron a Carme Freire na rolda de prensa labregos e labregas e representantes de comunidades de montes afectadas.

Carme Freire explicou que “historicamente, foron os labregos e as labregas quen conservaron, coa súa actividade, o medio natural; e o pouco que hoxe se conserva, consérvase grazas a eles e a elas, que son os primeiros interesados nesa conservación, xa que viven permanentemente neses espazos protexidos, e teñen e tiveron neles o seu medio de vida”.

Nembargante, a Rede Natura estase a deseñar sen ter en conta que neses espazos que se pretenden protexer viven e traballan persoas dende tempo inmemorial. De aí, os prexuízos que están a causar unhas normas feitas de costas a estas persoas, que son as primeiras interesadas en protexer o medio no que viven.

Xabier Prieto, secretario da Comunidade de Montes de Labrada, en Abadín, narrou o seu caso. En Labrada teñen unhas 2.000 hectáreas de monte comunal, con máis do 70% na Rede Natura. “Hai uns sete anos, a Consellaría de Agricultura deunos permiso para facer un pasteiro comunal para o gando en quince hectáreas de monte. Mais, cando xa tiñamos feito o peche, a Consellaría de Medio Ambiente paralizounos o proxecto. Ao ano seguinte, volvemos solicitar permiso a Medio Ambiente, e volvéunolo denegar. Nese intervalo de tempo, no perímetro de monte que tiñamos cercado, instalaron parques eólicos. A nós prohibíronnos pasar a grade para traballar a terra, porque seica destruíamos a turba; pero á empresa Acciona permitíronlle escavar buratos de dez metros de profundidade para implantar as bases de formigón dos xeradores eólicos”.

Tamén falou Lupe Prado, gandeira da parroquia vilalbesa de Santaballa que é socia dunha cooperativa de leite. Todas as instalacións e terras da súa explotación están incluídas na ampliación da Rede Natura, a pesar de teren vocación eminentemente agraria. Non en van, hai unha década se beneficiaron dun proceso de concentración parcelaria na que se investiron moitos cartos públicos. Por riba, a través desta ampliación da Rede Natura cruza unha autovía. “Montamos a nosa explotación para vivir da gandería no medio rural e aproveitando os terreos da concentración parcelaria; primeiro, partíronnos os pasteiros coa autovía; e agora decláranos Rede Natura con todo o que iso supón”, quéixase Lupe.

A testemuña de Xabier Prieto e Lupe Prado son un claro exemplo da desconfianza e incerteza xeneralizada que hai entre as xentes que viven dentro da Rede Natura. Carme Freire amosou o apoio do Sindicato Labrego cara a elas, e foi tallante ao afirmar que “baixo ningún concepto estamos dispostos e dispostas a que se protexa o medio ambiente antes de protexer ás persoas; como tampouco estamos en disposición de aceptar que, a cambio dunha axuda para coidar un espazo natural, nos impidan producir alimentos. Non queremos axudas a cambio de non producir alimentos porque ese é o noso medio de vida e porque, ademais, a nosa actividade é a garantía de que os espazos nos que se desenvolve van seguir estando vivos, habitados e ben conservados, como sempre estiveron”. Ademais, Carme Freire advertiu que “a Rede Natura, tal e como está deseñada , pon en risco a capacidade de Galiza para producir unha alimentación propia, san e de calidade; ao expulsarnos aos labregos e labregas do noso territorio e ao poñer nos nosos pratos a comida que as multinacionais producen noutras latitudes onde non se repectan nin o medio ambiente nin os dereitos das persoas que a producen”.

Rolda Vilalba

Por todo o devandito, o Sindicato Labrego Galego rexistrou, hoxe mesmo, diante da Consellaría de Medio Ambiente, as seguintes alegacións (pódese descargar o documento orixinal no remate do texto):

1. Que se garantan as prácticas tradicionais para a produción de alimentos coma elemento de conservación destes espazos.

2. Que desenvolvan os plans de ordenación e xestión (Plans de ordenación dos recursos naturais, Plans reitores de uso e xestión e Plans de conservación) que regulen usos, prácticas e obrigas nos distintos espazos protexidos da Galiza. Dando cumprimento ao estipulado na Lei 912001 de Conservación da Natureza e demais normativa que sexa de aplicación. En todo caso, deberá garantirse a participación cidadá activa, en especial das persoas e colectivos produtores de alimentos e titulares de montes dentro dos espazos protexidos.

3. Que se aplique un marco normativo claro e coherente que non sexa máis restritivo polas diferentes interpretacións que poidan facer do mesmo os/as funcionarioslas adscritoslas de cada zona”.         

Por todo o cal, solicitouse que “se teñan por presentadas estas achegas ao Proxecto de Ampliación da Rede Natura 2000, para que sexan tomadas en consideración”.

 

 

undefined

Ficheiro adxunto