A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. A complicidade da Xunta na violación sistemática da Lei de Prevención de Incendios fomenta os lumes na Galiza

A complicidade da Xunta na violación sistemática da Lei de Prevención de Incendios fomenta os lumes na Galiza

2 de Abril do 2012

Lumes nunca máis

Os lumes forestais que están arrasando Galiza nas últimas semanas e, en especial, o que se levou por diante un dos espazos emblemáticos do noso patrimonio natural -as Fragas do Eume-, poñen en evidencia a errática e desastrosa política forestal da Xunta de Galiza e, en concreto, da Consellaría de Medio Rural.

Máis alá de que sexan fortuítos ou intencionados, os lumes forestais son o síntoma dun mal endémico que precisa de valentes políticas de prevención e xestión, e que non se solucionará por moitos cartos que sigamos queimando en labores de extinción. A Consellaría de Medio Rural leva anos mirando cara a outra banda diante da violación flagrante de Lei de Prevención de Incendios en todo o territorio galego. Nese tempo, o SLG tramitou máis de duascentas denuncias por invasión de terras agrarias por plantacións forestais de carácter ilegal, e en ningunha delas actuou a Xunta para repoñer a legalidade; do mesmo xeito que non existe ningún tipo de seguimento por parte da Consellaría de Medio Rural nin dos concellos para facer respectar esta lei que, ademais, prohibe plantar especies de alta combustibilidade a menos de cincuenta metros das vivendas.

O Goberno de Feijóo gardou o máis absoluto mutismo diante da violación xeneralizada da Lei de Prevención de Incendios e nin sequera actuou cando esas violacións se denunciaron, polo que a súa complicidade é manifesta con aquelas industrias que se benefician deste tipo de políticas, en particular coas fábricas de pasta de papel e as enerxéticas que promoven plantíos de eucalipto de ciclo curto para queimar. Deste xeito, as políticas forestais do Goberno de Feijóo fomentaron e fomentan unha Galiza na que as explotacións agrogandeiras se están quedando, a pasos axigantados, sen base territorial para producir alimentos; e na que o noso territorio se está reconvertendo en pasto para o lume.

O incendio das Fragas do Eume é un claro reflexo de todo o devandito. A falla de planificación e de ordenación, e a vulneración sistemática da Lei de Prevención de Incendios auspiciada pola permisividade da Xunta, fomentaron e permitiron grandes masas de eucaliptais nun parque natural que non respectaron, en moitos casos, nin a especial protección das terras agrarias nin as distancias de seguridade entre plantíos e con respecto ás vivendas a que obriga a lexislación vixente. Ademais, cómpre denunciar que na parroquia de Queixeiro (Monfero), hai unha base de vixilancia dotada con helicópteros, pero que non estaba a ser usada na actualidade por decisión política. Outros conatos de incendio que aconteceron nesta zona e con esta base en uso, foron sufocados de inmediato; se a base tivese estado operativa esta fin de semana, o máis probable seria que os efectos do lume tivesen sido mínimos.

Este desastre medioambiental debería facer reflexionar á Xunta e á Consellaría de Medio Rural sobre o modelo de territorio e de país que están propiciando e obrigalas a impulsar políticas de xestión nas que pasemos do caos incendiario e de abandono de hoxe; a unha ordenación racional na que se respecten escrupulosamente a lei os usos do solo, e na que a xestión do monte sexa algo planificado e traballado os doce meses do ano, coa implicación activa de comunidades, persoas propietarias e Administración. O elemento central da prevención é unha ordenación do territorio, cos espazos delimitados para a agricultura, a gandeira e o forestal, baseada na racionalidade e na xeración de produtos de calidade e valor engadido, en sintonía co conxunto de intereses e culturas dos habitantes locais, como se fai nos países centroeuropeos, pero adaptado a Galiza. Mais aquí faise xusto o contrario, e aí reside a raíz do problema.

Por todo o devandito, o Sindicato Labrego Galego pide a reactivación inmediata da base de helicópteros de Queixeiro, a modificación do proxecto da Lei de Montes para que o noso país non se converta en pasto para o lume, e o cumprimento estrito da Lei de Prevención de Incendios de Galiza. Tamén, en base a todo o que dixemos, o Sindicato Labrego Galego apoiará as manifestacións de hoxe, 2 de abril ás 20:30 horas, nas principais vilas galegas, para esixir responsabilidades pola catástrofe medioambiental que están a causar os incendios forestais na Galiza.