A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. O SLG reúnese coas forzas políticas de Melide para deter as fumigacións aéreas contra o goníptero do eucalipto

O SLG reúnese coas forzas políticas de Melide para deter as fumigacións aéreas contra o goníptero do eucalipto

14 de Abril do 2012

Helicóptero

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, acompañada do responsable local do SLG en Melide, Xulio Fernández, mantiveron, o 13 de abril, encontros coas tres forzas políticas melidenses con representación municipal para falar da ameaza que supoñen para o medio ambiente e a saúde pública as fumigacións aéreas con insecticidas químicos para combater a praga do Gonipterus Scutellatus do eucalipto e que se están a promover neste concello. En concreto, as xuntanzas foron coa alcaldesa do PP, Ángeles Vázquez; coa portavoz do BNG, Socorro Cea; e co edil socialista, Manuel Prado; e acontecen a raíz do bando municipal no que se instaba ás persoas propietarias de plantacións de eucalipto a apuntarse e permitir este tipo de tratamento nas súas fincas.

En todas as reunións, Carme Freire advertiu sobre forte impacto que poden ter as fumigacións aéreas co insecticida químico utilizado (Flufenoxuron, que se vende baixo a marca comercial “Cascade”) na saúde das persoas, na fauna e no medio ambiente; e amosou o firme rexeitamento do Sindicato Labrego Galego a este tipo de medidas para controlar pragas. Carme Freire solicitou a paralización do proceso de tramitación de permisos para facer estas fumigacións, e pediu ao Concello de Melide que informe, a través dos medios que lle sexa posible (bandos, radio municipal, etcétera) de que o Flufenoxuron é un insecticida en moratoria na Unión Europea polos efectos nocivos que ten sobre a saúde e o medio ambiente (Directiva 91 / 414 / CEE e RD 255 / 2003). Ademais, a decisión da Comisión Europea do 9 de febreiro de 2012, publicada no Diario Oficial da UE, ordena que os produtos que conteñan flufenoxuron “deixarán de comercializarse a partir do 1 de agosto de 2012”. Segundo di, textualmente, esta decisión, o flufenoxuron é un “biocida” que é “persistente, bioacumulable e tóxico” e demostrou “efectos inadmisibles para o comportamento acuático”. Pola súa banda, os partidos da oposición comprometéronse a presentar iniciativas pedindo tamén a paralización do proceso, tanto a nivel municipal como parlamentario.

Estas xuntanzas serviron tamén para constatar que a Xunta de Galicia mentiu na Mesa da Madeira, celebrada o pasado 3 de abril, ao dicir que non era a administración autonómica a que estaba a promover este tipo de fumigacións aéreas. Pola contra, o SLG constatou que está a ser o persoal do Distrito Forestal ao que pertence a demarcación de Melide quen está levando todo o proceso de tramitación para as fumigacións neste concello coruñés. 

O Sindicato Labrego Galego xa denunciou, o ano pasado, á Consellaría de Medio Rural por utilizar este insecticida contra a praga da pulguiña do carballo, que daquela xa estaba en moratoria. Dado que a Consellaría volve a incidir no mesmo, dende o SLG estamos valorando presentar unha nova denuncia diante da fiscalía de medio ambiente pola reincidencia de Medio Rural en utilizar métodos prohibidos para controlar as pragas forestais.

Cascade