A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. O SLG esixe a retirada do borrador dos cultivos enerxéticos forestais e que o debate sobre os usos do monte se leve ao Consello Forestal de Galicia

O SLG esixe a retirada do borrador dos cultivos enerxéticos forestais e que o debate sobre os usos do monte se leve ao Consello Forestal de Galicia

27 de Abril do 2012

Troncos de eucalipto

O Sindicato Labrego Galego vén de presentar unha batería de alegacións para impedir que saia cara a adiante o borrador que regula os cultivos enerxéticos forestais e que foi presentado, o pasado 3 de abril, na Mesa da Madeira. As razóns para opornos a este borrador son moitas:

Os cultivos enerxéticos forestais afondarán no modelo da agricultura industrial, entendida como a suma de monocultivos, biotecnoloxía, agrotóxicos e capital financeiro. Para obter o máximo rendemento, estas plantacións requiren facer un traballo de control da vexetación competidora, abonado, tratamentos fitosanitarios e incluso rega. De tal xeito que hai gran dependencia de insumos externos e aumenta o uso de produtos agrotóxicos. Por todo isto, os cultivos enerxéticos non van contribuír a solucionar a crise agrícola, nin a climática, como nos prometen. Pola contra, esta vaga de cultivos enerxéticos non só non paliará o problema do cambio climático, senón que creará outros novos, xa que a maior parte da enerxía producida, consúmese no cultivo e o procesado : no petróleo, agrotóxicos, rega, maquinaria, transporte e refinamento. A agromasa da madeira require un 57% máis de enerxía fósil que a enerxía producida.

Ademais o dióxido de carbono que poidan fixar as árbores, non queda retido durante un tempo longo, se non que se volve soltar á atmósfera ao ser queimadas. Polo que é máis que discutíbel que os cultivos enerxéticos forestais contribúan a diminución das emisións de CO².

Se sumamos a destrución de ecosistemas, a introdución de especies invasoras e organismos xeneticamente modificados nos nosos montes, o feito de que as plantas de procesamento son fonte de contaminación do ambiente e a saúde da cidadanía, definitivamente o balance é negativo. Van entrar en competencia coa produción alimentaría e o noso xeito de vida do medio rural intimamente ligado ao monte.

Hai que rexeitar de cheo a afirmación da necesidade de produción de enerxía eléctrica en Galicia. Somos un país excedentario e exportador. Non se fala pola contra de como cubrir as necesidades enerxéticas e alimentarias das explotacións e dos moradores do medio rural con produción propia e eficiente favorecendo o desenvolvemento de enerxías alternativas para autoabastecemento. O fin das políticas enerxéticas é favorecer a acumulación de capital das empresas. A industrialización e destrución do medio rural e dos nosos montes, vai parella á expulsión dos labregos e labregas e deriva nun medio rural sen persoas, afectando dende o campo a toda a sociedade.

Por todo o devandito, dende o SLG esiximos unha avaliación en profundidade do custe social e ambiental dos cultivos enerxéticos forestais e tamén dos beneficios conseguidos polas empresas que os promoven.

A Administración fala da gran inquedanza polo futuro do noso medio rural, mais non de camiñar cara a xeración e distribución de enerxía, a través de tecnoloxías que non creen dependencia, e que garantan o abastecemento de acordo ás necesidades da poboación local, o que se diferenza de promover a privatización da enerxía, aínda de fontes "alternativas" .

Falan de progreso e desenvolvemento das áreas afectadas, de rendas e postos de traballo, cando as promotoras están esixindo que a administración promova este tipo de aproveitamentos mediante primas á instalación das plantacións e das centrais e a construción e mellora de infraestruturas e, como non, con cartos públicos. Así como a demanda de medidas na PAC para favorecer este tipo de uso das parcelas e o cambio das lexislacións estatais e autonómicas para patrocinar os cultivos enerxéticos en contra da produción de alimentos e outros produtos do monte, comprometendo a sociedade galega na dependencia cara a súa alimentación.

Denunciamos que se están a ocupar terras adicadas á produción de alimentos, que manteñen postos de traballo e contribúen ó desenvolvemento e á vida do noso medio rural e que aportan un maior valor engadido ás rendas das persoas. Amparados polo goberno, as empresas do aproveitamento de agromasa para produción enerxética, están a facerse coas terras. Estas empresas ofrecen unhas cantidades de cartos por hectárea e ano, que non poden asumir os labregos e labregas que viñan utilizando esas terras de xeito habitual mediante acordos cos/as propietarios/as.

Comezamos a ver este tipo de prácticas, nas que se están a facer plantacións de eucalipto nas mellores terras de monte e xa comezan a tentar as terras agrícolas. A realidade é que xa hai labregas/os que se viron privadas/os do uso de pasteiros que serán obxecto de cultivos enerxéticos forestais.

A crise climática obriga a cambiar as políticas agrícolas e enerxéticas. É necesaria a reorientación das políticas agrarias cara o noso medio rural. Os nosos montes poden contribuír a facer fronte á crise actual da produción enerxética e o cambio climático, por outras vías distintas ás propostas con gran reforzo de subvencións ao capital privado e ós/ás absentistas.

Por todo o exposto o SLG, esixe

A retirada do borrador da Orde pola que se regulan os cultivos enerxéticos forestais na comunidade autónoma de Galicia e se crea o rexistro de cultivos enerxéticos forestais.

Que o debate sobre os usos do monte sexa levado ao Consello Forestal de Galicia e que haxa unha consulta pública á cidadanía sobre se queremos trocar os usos multifuncionais dos nosos montes