A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. O SLG pide unha moratoria que prohiba cultivar OXMs polas evidencias que demostran os seus riscos para a saúde

O SLG pide unha moratoria que prohiba cultivar OXMs polas evidencias que demostran os seus riscos para a saúde

22 de Septembro do 2012

OXMs

O Sindicato Labrego Galego quere erguer a voz de alarma diante dos estudios publicados pola Universidade de Caen (Francia), que demostraron que o millo transxénico NK-603 produce tumores canceríxenos que, en varios casos, se saldaron coa morte das cobaias que o consumiron[1].

Cómpre lembrar que a irresponsabilidade do Ministerio de Agricultura nos últimos anos -tanto co PP como co PSOE- levou a que o Estado Español fose punteiro na Unión Europea en superficie cultivada con transxénicos, mesmo cando estes estaban prohibidos por mor dunha moratoria en todo o territorio comunitario. Á luz dos resultados dos estudios da Universidade de Caen, resulta alarmante que, en 2011, a superficie de transxénicos cultivada no Estado Español ascendese a 100.000 hectáreas; ou que o 15% dos alimentos para as persoas que conteñen soia ou millo están contaminados con OXMs, segundo a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aesan). Ademais, na Galiza, hoxe en día é case imposible alimentar á nosa cabana gandeira con pensos libres de transxénicos, que están presentes na case totalidade dos cereais e concentrados para alimentación animal que se comercializan ou fabrican no noso país.

Diante das evidencias do estudio de Caen, os nosos gobernantes non poden ignorar por máis tempo os efectos nocivos que os transxénicos poden ter na saúde das persoas e dos animais. A maiores, habería que denunciar tamén os efectos antisociais e medioambientais: A autorización de variedades transxénicas no campo é fatal para os labregos e as labregas, xa que ao utilizalos vólvense dependentes dunhas multinacionais que teñen o monopolio das sementes. Tamén é fatal para o medioambiente, porque os transxénicos contaminan cultivos de variedades locais, prexudican a biodiversidade e acaban con séculos de cultura agrícola. Ademais, a súa presenza fai imposible xeitos de producir como a agricultura ecolóxica ou a apicultura, pola contaminación indesexada e incontrolable por polinización cruzada.

Polo ben de todos nós, polo ben dos nosos fillos e das nosas fillas a quen lle imos deixar en herdanza un campo contaminado e canceríxeno sen necesidade -pois os OXMs non son necesarios e só benefician ás multinacionais que se lucran coas súas patentes-, volvemos pedir á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado que prohiban as variedades transxénicas dunha vez por todas.

Como primeiro paso, debería suspenderse toda autorización a plantar sementes modificadas xeneticamente. Ademais, o Estado Español debe sumarse de inmediato a aqueles países da Unión Europea que teñen establecido moratorias aos OXMs como Francia, Alemaña, Grecia, Hungría ou Austria. Finalmente, tamén pedimos que impere o sentido común e se comecen a etiquetar de xeito inequívoco e claro todos aqueles produtos que conteñen transxénicos, xa que a cidadanía ten todo o dereito a poder elixir se consume ou non alimentos contaminados por OXMs e, polo tanto, potencialmente perigosos para a súa saúde.

Cobaias Caen