A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. O SLG rexeita a mina en Corcoesto por poñer en perigo o futuro dun milleiro de explotacións agrogandeiras na zona

O SLG rexeita a mina en Corcoesto por poñer en perigo o futuro dun milleiro de explotacións agrogandeiras na zona

15 de Xaneiro do 2013

Corcoesto

O Sindicato Labrego Galego fai público o seu rexeitamento máis absoluto ao proxecto mineiro da empresa canadense Edgewater Corporation para extraer ouro en Corcoesto polo irreversible impacto que tería o seu desenvolvemento nas actividades agrogandeiras da bisbarra.

Tal e como teñen denunciado organizacións ecoloxistas, a actividade mineira para extraer ouro en Corcoesto suporía, durante os dez anos de explotación prevista: a expropiación ou adquisición directa de 773 hectáreas de terras, o consumo de 2.800 millóns de litros de auga, a xeración de máis de 17 millóns de toneladas métricas de refugallos tóxicos, ou a utilización de unha tonelada e media de cianuro de sodio cada día. A isto habería que engadir o impacto medioambiental que causarían as voaduras (238 por ano), que poden esparexer partículas contaminantes nun radio de trinta quilómetros.

Evidentemente, todo isto supón unha seria ameaza para a actividade agrogandeira da bisbarra que, como moitas outras do rural galego, ten boa parte do seu peso económico baseado nos sectores primarios. De feito, os tres municipios afectados directamente pola concesión mineira (Coristanco, Cabana e Ponteceso) suman máis de 1.000 explotacións en activo que dan traballo a 1.350 persoas (1). Ademais, Coristanco e Cabana están incluídos na subzona de Bergantiños da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia. Se ampliamos o radio de impacto ao afectado polas voaduras, estarían ameazados os pasteiros de comarcas eminentemente gandeiras como Terra de Soneira, Xallas, A Barcala ou Ordes; ou ficaría imposible facer agricultura ecolóxica no noroeste da provincia da Coruña.

Con estes datos na man, os 271 postos de traballo temporais que daría a empresa (só se manterían durante os dez anos de explotación) non xustifican poñer en perigo miles de empregos relacionados cunha actividade permanente como a agrogandeira, clave na vertebración económica e social de todo o territorio afectado. Ademais, permitir que Edgewater Corporation leve para adiante un proxecto mineiro tan prexudicial sentaría un perigoso precedente que ameazaría outros municipios eminentemente gandeiros de Bergantiños, Ferrolterra, Arzúa ou Terra de Melide, onde tamén existe a posibilidade de solicitar concesións para a extracción de ouro e afíns segundo se desprende da orde do 7 de xullo de 2011 (publicada no DOG o 20 de xullo dese ano) na que se convoca o concurso público de terreos para extracción de minerais na provincia da Coruña.

Por todo o devandito, o Sindicato Labrego Galego oporase ao proxecto mineiro de Corcoesto colaborando cos colectivos e organizacións que loiten contra o seu desenvolvemento, e ofrecendo apoio e asesoramento ás explotacións agrogandeiras afectadas.

(1) Datos obtidos do Instituto Galego de Estatística, referentes ao número de UTAs (unidades de traballo agrícola por ano) nas explotacións agrogandeiras de Cabana (404), Coristanco (596) e Ponteceso (349). Ano 2009. www.ige.eu