A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. As forestacións ilegais seguen a ter o amparo da Xunta a pesares de violar a nova Lei de Montes

As forestacións ilegais seguen a ter o amparo da Xunta a pesares de violar a nova Lei de Montes

14 de Marzo do 2013

Tractor forestado

O 12 de marzo, persoas afectadas polas forestacións ilegais de terras agrarias, procedentes de diversas comarcas galegas, mantiveron un encontro coa equipa xurídica do Sindicato Labrego Galego e con membros da súa Executiva como a secretaria xeral, Isabel Vilalba Seivane, ou o secretario de Montes, Xosé Manuel Calvo Rei.

Todas as persoas que asistiron ao encontro tiñan en común o ter denunciado forestacións ilegais en terreos de especial protección agropecuaria ou por non respectar as distancias mínimas esixidas pola lei con respecto ás súas fincas ou vivenda. A maiores, estas persoas tamén comparten o ser vítimas da desidia ou do silencio cómplice da Xunta con respecto ás súas denuncias, e vítimas tamén das posturas da Administración que favorecen ás persoas infractoras en detrimento das afectadas polas ilegalidades.

Cómpre saber que a nova Lei de Montes, que entrou en vigor en agosto de 2012, do mesmo xeito que acontecía antes da súa publicación, considera ilegal realizar plantacións forestais en solo de especial protección agropecuaria, ao tempo que marca unhas distancias obrigatorias con respecto a vivendas e fincas veciñas para as plantacións legais.

Mais unha cousa é o que di a lei, e outra como se aplica á realidade. O primeiro problema que denuncian as persoas afectadas por plantacións ilegais e que, segundo lles informaron os servizos xurídicos da Xunta, a Consellaría de Medio Rural aínda non estableceu os criterios cos que debe ser aplicada a nova Lei de Montes e cos que se debe dar resposta ás denuncias fronte a infraccións da mesma. Se cadra, de aí veña outro dos problemas denunciados: o estancamento indefinido das denuncias na fase de dilixencias previas sen que se incoen os expedientes.

Máis alá deste atascamento burocrático que, obviamente, prexudica ás persoas afectadas pola infracción da lei, ao Sindicato Labrego preocúpanlle fondamente as interpretacións que da mesma están a facer autoridades competentes na materia. Por exemplo, o SLG tivo constancia dun alto cargo de Medio Rural que falou de utilizar o SIXPAC (Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas) para determinar cal é o uso dun terreo (segundo isto, se o terreo ten árbores, sería forestal). Como ben sabemos, os usos do solo fican establecidos no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de cada concello, mentres que o SIXPAC é só un catálogo de fotografías aéreas das fincas; dicir que solo de uso agrario é forestal porque ten árbores nas fotos do SIXPAC, é como dicir que un terreo non urbanizable si que o é porque edificaron ilegalmente unha casa nel. Se o que mantén isto é un cargo da Consellaría de Medio Rural, entón estamos diante dunha falta gravísima. Como grave é que ante a denuncia de plantacións forestais ilegais a carón dunha explotación de horta de xente nova recentemente incorporada á actividade agraria, a resposta da administración fose suxerirlles que cambien a ubicación das leiras.

Para o Sindicato Labrego Galego, todo o devandito evidencia que a nova Lei de Montes segue a ser un feixe de papel mollado para a Xunta de Galicia, do mesmo xeito que o foron as leis na materia que a precederon; e que a violación flagrante da mesma con plantacións ilegais en terra agraria segue a ser un delicto amparado pola neglixente conivencia da Consellaría de Medio Rural cos infractores.

Tras máis de seis meses de espera dende a aprobación da nova Lei de Montes, dende o Sindicato Labrego Galego consideramos que a Consellaría de Medio Rural tivo tempo abondo para comezar a aplicala, polo que consideramos esgotados todos os tempos de cortesia ao respecto. Por iso, no SLG retomamos a campaña de denuncia que nos últimos anos estivemos desenvolvendo para amosar diante da sociedade galega unha complicidade da Xunta cos intereses da industria forestal que está levando a moitas das nosas explotacións agrogandeiras a unha situación límite por non ter terras suficientes para desenvolver o seu traballo, ou por ver minguados os seus rendementos por mor dos efectos nocivos das forestacións ilegais nas terras de labor veciñas.

Xuntanza