A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Os ataques do xabaril fan perigar a sementeira nunha explotación de horta na parroquia estradense de Berres

Os ataques do xabaril fan perigar a sementeira nunha explotación de horta na parroquia estradense de Berres

3 de Abril do 2013

Touceda

Durante varios días da Semana Santa, a explotación de horta dos Touceda sufriu os estragos causados polo ataque dos xabarís. A familia Touceda dedica boa parte da súa produción ao cultivo do amorodo e da xudía. A finca atacada, que se atopa na parroquia de Berres (A Estrada) xunto ao río Ulla, ten unha extensión de 2 hectáreas. Dentro desa finca, os xabarís estragaron unha leira de 6.000 m² que estaba a ser preparada para a sementeira da xudía: xa se fixeran os traballos de fresado, abonado e nivelación, e estaba previsto sementar esta semana.

Os xabarís fozaron en boa parte da leira, polo que a familia Touceda terá que volver nivelar a terra, tarefa que requeriu o traballo de tres persoas durante unha xornada. Ademais, atrasarase a sementeira e, polo tanto, a colleita. Os Touceda tamén prevén que terán problemas coas malas herbas, que deben ser tratadas antes de que naza a xudía, tarefa que agora non poderán facer nas zonas danadas.

O peor de todo son a incerteza e a impotencia, pois aínda que se fagan os traballos de reparación dos danos, os ataques pódense repetir en calquera intre e, a partir de que se sementen as xudías, as perdas económicas multiplicaranse. Téñase en conta que na leira atacada vanse sementar 148 regos de 80 metros, e cada 2 regos precisan un saco de sementes que supera os 40 euros de prezo; é dicir, só en sementes se investirán máis de 3.000 euros.

Non é a primeira vez que os xabarís atacan as terras de labor e poñen en perigo a rendibilidade económica das explotacións agrogandeiras da zona. O ano pasado, a familia Touceda sufriu tamén ataques, do mesmo xeito que as explotacións veciñas que cultivan leiras de millo, polo que para a presente campaña estanse temendo o peor xa que, por experiencia, os labregos e labregas do lugar saben que as batidas de xabarís e as axudas públicas para paliar este tipo de ataques son a todas luces insuficientes.

O Sindicato Labrego Galego xa ten denunciado que o da fauna salvaxe é un problema de orde xeral que afecta a toda a cidadanía e que non para de medrar. En troques de solucionala, as actuacións da Xunta diante desta problemática van en sentido contrario, cun sistema de compensacións manifestamente insuficiente e inútil; e con accións de goberno como permitir a violación flagrante da Lei de Montes ao non impedir a forestación de terras agrarias que se está a facer de maneira xeneralizada en todo o país, usurpando a base territorial das explotacións e aumentando o hábitat das especies salvaxes até traelo á porta das casas. Precisamente, a explotación da familia Touceda xa ten denunciado o impacto negativo na súa actividade profesional de plantacións forestais veciñas de carácter ilegal sen que a Xunta fixese nada para repoñer a legalidade.

Manuel Touceda