A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Unha empresa mineira de Noruega ameaza 8.000 hectáreas de terras nas comarcas de Compostela e Ordes

Unha empresa mineira de Noruega ameaza 8.000 hectáreas de terras nas comarcas de Compostela e Ordes

10 de Abril do 2013

Canteira

A empresa mineira Erimsa1, de Noruega, vén de solicitar cinco permisos de investigación para as concesións mineiras Calvente 7.136, Andrea 7.137, Lamoso 7.135, Xanceda 76.138 e Marís, que afectan ás comarcas de Compostela e Ordes e abranguen unhas 8.000 hectáreas. En concreto, a concesión Calvente ten 32 cuadrículas2 nos concellos de Oroso, O Pino e Santiago; Andrea ten 87 nos termos municipais de Oroso, Ordes, Frades e Mesía; Lamoso, 9 en Ordes e Oroso; e Marís, 102 en Mesía e Frades do mesmo xeito que Xanceda, que ten 28 nestes dous últimos concellos. Todas as concesións son para extraer cuarzo e minerais afíns para a industria da cerámica e do vidro.

Dado que estamos a falar dunha bisbarra eminentemente gandeira, o Sindicato Labrego Galego vén de presentar alegacións a dúas destas solicitudes, a de Calvente e Marís, e está preparando as que presentará contra as outras tres, pois a actividade extractiva de Erimsa poría en perigo o futuro das explotacións da zona. Ademais, o SLG vai iniciar unha campaña informativa no rural desta bisbarra para pór ao corrente á veciñanza sobre a ameaza que se lle vén enriba. Neste senso, cómpre ter en conta que Erimsa tentou levar a cabo proxectos similares na Terra Chá (Cospeito, Castro de Rei e A Pastoriza), e os permisos lle foron denegados pola Consellaría de Medio Ambiente e os recursos desestimados pola Xustiza3 trala presentación de máis de 700 alegacións por parte da xente afectada e de diversas organizacións, entre elas o SLG.

O proxecto Calvente afecta a varias zonas de solo rústico de protección agropecuaria, onde está prohibida a actividade mineira, e de protección forestal. Ademais, unha parte importante dos terreos afectados por estes permisos de investigación foron sometidos no seu día a un proceso de concentración parcelaria, de maneira que teñen actualmente un claro uso agropecuario e unha alta produtividade agrícola ou gandeira.

A concesión Marís afecta ao norte de Frades (parroquias de Abellá, Papucín e Frades), así como ao sur sur de Mesía (parroquias de Mesía e Xanceda). Nestas parroquias tamén hai moitas explotacións gandeiras de vacún de leite que constitúen o principal motor da economía de ambos concellos. Trátase de explotacións que teñen moitas cabezas de gando, onde hai mozos e mozas recentemente incorporados á actividade agraria, e que realizaron nos últimos anos constantes investimentos de modernización e ampliación. Para estas explotacións, a base territorial que pretende utilizar Erimsa para extraer cuarzo é un elemento vital e escaso, o que fai que os titulares das explotacións teñan que desprazarse coa súa maquinaria lonxe de onde teñen as instalacións para cultivar e recoller a alimentación do seu gando; a actividade de Erimsa agravaría ou faría irresoluble este problema. Ademais, como no caso de Calvente, parte dos terreos afectados por este permiso de investigación foron concentrados ou teñen en curso procesos de concentración parcelaria que esixiron fortes investimentos públicos agora ameazados.

A extracción de cuarzo que practica Erimsa faise dende a ceo aberto, polo que as praderías e agras que explote ficarán inservibles para fins agrogandeiras ao ser destruída a superficie que se utiliza para os traballos agrícolas, o cal causará un dano irreversible na economía da bisbarra.

Forte impacto no río Tambre e os seus afluentes, incluídos na Rede Natura 2000

A nivel medioambiental, estas concesións mineiras afectan de cheo ao río Tambre e afluentes seus como o Maruzo ou o Samo. Neste senso, cómpre lembrar que o Tambre e os seus afluentes están catalogados como Lugar de Interese Comunitaria (LIC) coa corresponde protección da Rede Natura 2000, habendo importantes áreas no seu contorno que son obxecto de protección, de maneira que non poden realizarse actividades mineiras nestes eidos por ser incompatibles cos valores naturais protexidos.

Por se non abondasen as ameazas aos espazos protexidos, tanto naturais como agrícolas, tamén se verán afectadas zonas urbanas con importantes concentracións de vivendas como Sigüeiro, Penateixa, Gándara, Porto Avieira, Piñeirón ou Oroso; e infraestruturas como a Autopista AP-9, o polígono industrial de Sigüeiro ou a estrada AC-3801.

Finalmente, o SLG tamén alegou contra as dificultades de acceso aos expedientes e documentación destes proxectos, pois só se poden consultar na delegación da Consellaría de Industria na Coruña cunha considerable restrición horaria. Por iso, o SLG solicitou que se facilite esta documentación en versión dixital para poder consultala a través de Internet e que o prazo para presentar alegacións, de 30 días, comece a computar só cando eses documentos dixitalizados sexa accesíbeis

 

 

 


 

 

 

1Explotación de Rocas Industriales y Minerales, S.A.
2A cuadrícula é unha unidade empregada en minería que, sendo variable, anda ao redor das 30 hectáreas de superficie a efectos fiscais. Legalmente, cuadrícula mineira é o “volume de profundidade indefinida cuxa base superficial fique comprendida entre dous paralelos e dous meridianos, cuxa separación sexa de vinte segundos sexaxesimais”
3A Xustiza e a Consellaría de Medio Ambiente non permiten a Erimsa a explotación do seixo na Terra Chá