A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. A experiencia arxentina advirte do desastre social, económico, sanitario e ambiental que implica a megaminaría

A experiencia arxentina advirte do desastre social, económico, sanitario e ambiental que implica a megaminaría

12 de Xuño do 2013

Sebastián Pinetta

A Rede ContraMINAcción mantivo, o 11 de xuño, un encontro de traballo con Sebastián Pinetta, presidente da asociación civil arxentina Bienaventurados los Pobres (BePe) e coordinador do proxecto “Fortalecemento das capacidades de comunidades do noroeste arxentino afectadas pola minaría a ceo aberto para a defensa dos seus territorios e medios de vida”.

No intre de visitar Galiza, Sebastián Pinetta atopábase realizando unha xira por Europa encadrada nunha campaña de comunicación internacional, do 13 de maio ao 17 de xuño, para denunciar a problemática xurdida por mor da minaría a ceo aberto en Arxentina, e as consecuencias que está a ter nos medios de vida, no entorno natural e na saúde das comunidades que a sofren. Por parte de ContraMINAcción, participaron na xuntanza Isabel Vilalba, Lara Barros, Margarida Prieto e Xosé Manuel Calvo (do Sindicato Labrego Galego); Belén Llanos e Lola Torrano (de Contramínate Laxe); Iñaki Varela (Verdegaia); Paco García (Plataforma en Defensa de Corcoesto e Bergantiños); Aurora Puentes (Santa Comba Viva); Xoán Doldán (Universidade de Santiago e Véspera de Nada) e Damián Copena (Universidade de Vigo).

Encontro Pinetta Sebastián Pinetta achegou a testemuña directa de quince anos sufrindo a explotación a ceo aberto en Catamarca, ao oeste da Cordilleira dos Andes, por parte da mineira Alumbrera, unha empresa transnacional participada por capital suízo e canadense que extrae 120 millóns de toneladas métricas de minerais ao ano, entre as que se atopan cobre e ouro. Eses quince anos de explotación a ceo aberto serviron para esgotar os recursos hídricos da zona (a mina ten un consumo de 100 millóns de litros diarios de auga, mentres que á poboación do municipio de Belén se lle raciona o subministro), sufrir vertidos tóxicos de metais pesados e cianuro, padecer contaminación electromagnética e mesmo un alto índice de enfermidades respiratorias e casos de cancro entre a poboación.

Esta experiencia ten unha grande importancia para Galiza, xa que anticipa as consecuencias que pode traer canda si o Plan Sectorial de Actividades Extractivas da Xunta. O modus operandi de Alumbrera en Arxentina foi semellante ao que está a acontecer na Galiza con proxectos mineiros coma o de Corcoesto: as empresas desembarcan en zonas deprimidas e empobrecidas dividindo á poboación co ofrecemento de postos de traballo que, ao final, acaban sendo moitos menos dos prometidos. Despois, a súa actividade deixa tras súa un ronsel de destrución medioambiental e dos sectores produtivos tradicionais que traballaban na zona que é “totalmente irreparable e da que ninguén se responsabiliza”, asegura Pinetta. Todo coa conivencia dos poderes públicos, dende os políticos aos xudiciais. Como na Galiza, a única ferramenta de oposición que lles queda ás comunidades afectadas é a loita social de oposición aos proxectos mineiros.

A de Sebastián Pinetta foi, xa que logo, unha testemuña valiosísima que nos pode axudar a anticipar as consecuencias reais que podería ter na Galiza o Plan Sectorial de Actividades Extractivas promovido pola Xunta e a proliferación de explotacións mineiras a ceo aberto no noso país que propiciaría a súa aprobación.

 

 

undefined