A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. ContraMINAccion esixe a nulidade da Declaración de Impacto Ambiental do proxecto mineiro de Corcoesto

ContraMINAccion esixe a nulidade da Declaración de Impacto Ambiental do proxecto mineiro de Corcoesto

11 de Xullo do 2013

ContraMINAcción

Tras coñecerse a nova de que a Consellaría de Industria daba marcha atrás ao proxecto mineiro en Corcoesto por non cumprir "cos requisitos técnicos e financeiros necesarios", a Rede ContraMINAcción, da que forma parte o Sindicato Labrego Galego, solicitaba "a retirada do proxecto mineiro de Corcoesto, así como a nulidade da declaración de impacto ambiental (DIA) ditada no seu día pola Xunta".

Nun comunicado emitido o 10 de xullo, a plataforma de colectivos contrarios á minaría salvaxe ContraMINAcción informaba que, nunha nota de prensa publicada pola Consellaría de Industria se podía ler que “de non cumprimentarse axeitadamente os requisitos ambientais, técnicos e económicos, o proxecto sería rexeitado definitivamente e non se continuaría coa tramitación deste“.

Segundo ContraMINAcción, "este recoñecemento oficial de que o proxecto de Edgewater incumpre os requisitos ambientais e técnicos, debería supoñer por parte das autoridades a inmediata retirada dunha DIA que, como eles mesmos recoñecen implicitamente, foi ditada de maneira inadecuada.

Así mesmo, esiximos que, se esta empresa quere levar adiante o seu proxecto, elabore un novo estudo de impacto ambiental completo, con todos os informes pertinentes, e o presente de novo a exposición pública.

Como é posible que, despois de ditar unha DIA favorable, se estea a falar de presentar “novos informes”? A tramitación do proxecto debe facerse de maneira transparente e atendendo aos protocolos establecidos, non por capítulos, como se se tratase dunha telenovela.

Desde a Rede ContraMINAcción consideramos que esta declaración institucional vén dar a razón ás denuncias feitas polos colectivos contrarios ao proxecto, de falta de rigor dos informes presentados dentro do mesmo.

A consecuencia directa desa evidente falta de rigor, debería ser unha publicación no DOG que recolla a negativa da Administración a aprobar o proxecto. Sería máis serio que sacar unha nota de prensa, que non deixa de ser publicidade institucional.

Do mesmo xeito que non se cumpren os requisitos no caso de Corcoesto, é probable que o mesmo ocorrerá cos futuros proxectos megamineiros de Galiza. Por iso instamos á Xunta a que, ademais de retirar a DIA do proxecto de Corcoesto, anule as autorizacións a realizar estudos nas demais zonas afectadas, en tanto non se garanta un cumprimento rigoroso de tódolos requisitos establecidos pola lexislación.

Desde a Rede ContraMINAcción seguiremos traballando pola erradicación da minaría destrutiva, e pola activación de alternativas, como a minaría de recuperación, que si son sustentables, que non traen destrución para os ecosistemas, e que, de adicar a elas os esforzos necesarios desde a Administración, poderían ser unha fonte de postos de traballo duradeiros e compatibles con outras actividades fundamentais para a nosa economía e a nosa soberanía alimentar: agricultura, gandaría, pesca, marisqueo..."