A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. A Deputación de Lugo pedirá informes para evitar que o Plan de Actividades Extractivas da Xunta afecte ás reservas da biosfera de Ancares e Terras do Miño

A Deputación de Lugo pedirá informes para evitar que o Plan de Actividades Extractivas da Xunta afecte ás reservas da biosfera de Ancares e Terras do Miño

2 de Agosto do 2013

Sede Terras do Miño

O Sindicato Labrego Galego acadou o compromiso da Deputación de Lugo para que tamén se implique na defensa da Reserva da Biosfera Terras do Miño1 e se opoña á explotación mineira que a canadense Goldquest Ibérica S.L. quere levar a cabo en 12.000 hectáreas de terras repartidas nos termos municipais da Fonsagrada, Baleira, Baralla e Becerreá, e á que lle foi concedido o permiso de exploración Lago II 6056. Este apoio da Deputación veu despois de que o SLG presentase un escrito diante do Órgano de Xestión de Terras do Miño, o 31 de xullo, na súa xuntanza anual en Lugo.

Ademais, a representante do SLG no Órgano de Participación da Reserva, Margarida Prieto Ledo, tamén pediu igual compromiso para aqueles concellos integrados en Terras do Miño que están afectados polos proxectos de extracción de cuarzo da empresa norueguesa Erimsa: Castro, Cospeito, A Pastoriza, Vilalba e Abadín. Se ben a Consellaría de Industria denegou o permiso de explotación, o futuro Plan de Actividades Extractivas que pretende aprobar a Xunta volvería sentar as bases legais para que Erimsa siga adiante cos seus proxectos. Dende este punto de vista, a Deputación de Lugo tamén encargará informes sobre o Plan de Actividades Extractivas da Xunta, xa que a súa aprobación suporía botar por terra a protección da que gozan espazos protexidos como as reservas da biosfera Terras de Miño ou Ancares Lucenses.

Estes compromisos da Deputación de Lugo para implicarse na defensa dos concellos afectados por proxectos mineiros en Terras do Miño prodúcense dous días despois de que actuase do mesmo xeito coa Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, cuxo Órgano de Xestión se reuniu o pasado luns, 29 de xullo, e onde o Sindicato Labrego presentou unha instancia ao respecto que foi aprobada por unanimidade.

 

 

 

 

 


1A Reserva da Biosfera Terras do Miño foi o primeiro espazo protexido destas características que se constituíu na Galiza e engloba a 26 municipios da provincia de Lugo, abranguendo o 36% do seu territorio, con 363.668 hectáreas. Os concellos beneficiados por esta protección son: Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto,  Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara.