A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. O Sindicato Labrego Galego apoia a manifestación convocada pola Asociación Monte Pindo Parque Natural

O Sindicato Labrego Galego apoia a manifestación convocada pola Asociación Monte Pindo Parque Natural

4 de Outubro do 2013

Manifestación Monte Pindo

O Sindicato Labrego Galego apoiará a manifestación que a Asociación Monte Pindo Parque Natural organiza este domingo, 6 de outubro, en Compostela, para denunciar a desastrosa política forestal e de prevención de incendios da Xunta e o seu desleixo á hora de protexer os nosos espazos naturais máis emblemáticos, como foi o caso do Monte Pindo, arrasado nun devastador lume iniciado o 11 de setembro.

Dende o Sindicato Labrego Galego solidarizámonos coas familias e persoas afectadas polo lume que asolou Carnota e, en especial, con aquelas explotacións agrogandeiras que viron destruídos total ou parcialmente o seu medio de vida a causa deste desastre medioambiental.

A maiores, o Sindicato Labrego Galego subscribe o manifesto asinado pola Asociación Monte Pindo cuxas principais reivindicacións son as seguintes:

Que a Xunta comprometa a protección efectiva dos espazos naturais galegos mediante a dotación dos recursos precisos para a súa conservación e o seu desenvolvemento sustentábel, de xeito que a protección incida na mellora das condicións de vida da súa veciñanza e que a sociedade valore ese patrimonio como unha oportunidade de futuro e non como un atranco.

  1. Que a Xunta dispoña as medidas e realice os esforzos precisos para coidar dos nosos montes durante todo o ano, primando a prevención sobre a extinción e sobre todo, apoiando as explotacións agrogandeiras existentes, promovendo a creación de novas, e investindo en iniciativas sustentábeis que permitan fixar poboación e recuperar os vencellos dos habitantes co seu medio natural.

  2. Que a Xunta modifique radicalmente as súas políticas de xestión do monte, nomeadamente a Lei de Montes e o Plano Forestal, para abandonar os monocultivos de especies pirófitas e substituilos por especies autóctonas e outros aproveitamentos que visen a multifuncionalidade de usos e o respecto á función ecolóxica, cultural e social do monte.

  3. Que a Xunta remate coas políticas agresivas no eido ambiental, económico e social (Lei de Montes, Lei de Industria, Plano da Minaría, Plano Acuícola, Decreto da Biomasa...) que están a provocar o abandono do mundo rural e das actividades tradicionais no medio natural, entregándoo a especuladores e contaminadores.

  4. Que a Xunta recupere e dé pulo a aquelas iniciativas que visaban unha participación activa da sociedade na xestión sustentábel do seu territorio e dos seus montes, como as Unidades de Xestión Forestal (UXFOR), o Banco de Terras (BANTEGAL) ou Voluntariado Galego en Defensa do Monte, entre outros proxectos que Núñez Feijóo desmontou nada máis chegar ao goberno, cando cambiou a mangueira de xardín polas tesoiras de podar.

  5. Que a Xunta tome dunha vez en serio ao noso medio natural, prestándolle a atención que merece, e que deixe de ser un mero apéndice para a especulación e a desfeita do cemento e o asfalto. Porque contrariamente ao dito por Samuel Juárez, ex-conselleiro de Medio Rural e actual delegado do goberno, o mundo rural sí ten futuro. Esiximos tamén a inmediata demisión dos titulares de Medio Ambiente, Agustín Hernández e de Medio Rural, Rosa Quintana, por seren os irresponsábeis máximos do exterminio do medio natural e rural, e amosaren a súa absoluta incompetencia para xestionar un patrimonio do que se avergoñan e nen seguera son dignos.