A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Terra e Estruturas>
  4. A reforma da Lei do Solo intensifica a presión sobre as terras agrarias

A reforma da Lei do Solo intensifica a presión sobre as terras agrarias

25 de Marzo do 2010

rural

A ausencia de interlocución por parte da Administiración na achega de enmendas ao anteproxecto da Lei do Solo é un alarde de falla de comunicación sen precedentes neste eido.

O Sindicato Labrego Galego - Comisións Labregas, coma entidade representativa das labregas e labregos da Galiza, recoñecida oficialmente no seu papel coma interlocutora coa Administración mediante a pertenza ao Consello Agrario da Galiza, denuncia a indiferenza ás demandas sociais manifestada pola Xunta da Galiza no tocante ao procedemento de alegacións á Lei do Solo aprobada unilateralmente polo Partido Popular o pasado 23 de marzo.

 

Presentadas as alegacións ao Anteproxecto de Lei, asumindo ademais a demanda de participación na creación do texto feita explicitamente pola Consellaría do Medio Rural, resulta indignante a falla de consecuencia e respecto cara os interlocutores sociais manifestada pola CMR ao non se ter comunicado a Administración galega en ningún momento co Sindicato Labrego Galego, malia a que unha ampla porcentaxe desta reforma refírese ao medio rural.

 

 

Diante deste feito, resulta sorprendente que o Conselleiro de Infraestructuras e Medio Ambiente, Agustín Fernández, se atrevera a resaltar a participación da sociedade civil nesta reforma, destacando ademais o papel dos sindicatos agrarios.

 

A reforma do Lei do Solo constitúe un novo ataque directo aos labregos e labregas e á produción de alimentos, un obstáculo normativo á consecución da soberanía alimentar para o pobo galego, demanda cada vez máis manifestada pola cidadanía deste país.

 

A ambigüidade interpretativa da nova Lei do Solo, canda a apertura de criterios vinculados á ampliación dos núcleos rurais sen ter en conta o valor social das explotacións agrogandeiras, pode resultar problemática para seguir levando adiante a nosa actividade produtiva de alimentos.

 

Dende o Sindicato Labrego queremos chamar a atención moi especialmente sobor do cambio de terminoloxía referida ao turismo rural, que pasa a se converter nesta nova Lei en “turismo no medio rural”, abrindo a porta a calquera tipo de iniciativa turística -grandes complexos hoteleiros, campos de golf, etc.-, sen que fora aportada pola CMR argumentación algunha que xustifique este cambio de significado que non fai senón que afondar na discriminación da actividade produtiva alimentar e na desprotección do medio rural coma tal, xa que permite unha maior liberdade na manipulación do entorno natural baseada na especulación urbanística do negocio turístico.

 

As labregas e labregos do SLG condeamos a dobre moral da Administración galega, que a nivel discursivo alardea de querer un futuro para o agro e a nivel práctico rexeita poñer as condicións básicas necesarias no tocante á ordenación do territorio para que o obxectivo de conseguir un medio rural vivo sexa finalmente conquerido.