A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Terra e Estruturas>
  4. A Terra Chá en pé de loita: O seixo é noso!

A Terra Chá en pé de loita: O seixo é noso!

21 de Maio do 2010

o noso seixo non é a súa mina

 A Comisión de Asociacións decidimos organizar unha nova xornada–festival o vindeiro sábado 22 de maio, no recinto de Moexmu (Mostra Exposición de Muimenta), para seguirmos coa nosa actividade de denuncia e demandar a anulación da solicitude de extracción de seixo na Terra Chá solicitada pola empresa ERIMSA.


Nestes máis de tres anos de loita da veciñanza da Terra Chá, foron moitos os recursos, alegacións, xuntanzas, mobilizacións... Sendo este activismo comunitario o que impediu a implantación de dita actividade.

O salvavidas para a comarca era a prohibición da mesma en solo rústico de protección agropecuaria, practicamente o 100% do afectado. Mais o sector da minaría non cesou a presión sobre a Administración.

En 2007 entraba no Parlamento galego o anteproxecto de Lei de Minaría para Galiza, no que modificaban o artigo 37 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galiza. En solo rústico de protección agropecuaria a actividade extractiva pasaba de considerarse “prohibida” a “permitida con licencia municipal”. A mobilización cidadá fixo que os propios grupos políticos que estaban no goberno presentasen enmendas para suprimir esta modificación e manter a prohibición na Lei finalmente aprobada.

Pero a presión da industria mineira non cesou, e o pasado 31 de marzo publicábase no DOG a modificación da Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural, figurando a substitución da prohibición existente de realizar actividades mineiro- extractivas en solo rústico de protección agropecuaria pola posíbel autorización por parte da Administración da Comunidade Autónoma.

 

Este é para o goberno actual o significado de “preservar os terreos de alta produtividade e garantir a utilización racional dos recursos naturais”. Esta modificación foi resultado dunha enmenda introducida no debate parlamentario polo Partido Popular.

 

Dende a Comisión de Asociacións afectadas polas concesións mineiras na Terra Chá denunciamos a gravísima a perda de dereitos para a cidadanía –e para as labregas e labregos en particular –que supón esta modificación. De feito, tanto por medio das alegacións presentadas á Lei do Solo coma no debate do Anteproxecto de Lei que tivo lugar no marco do Consello Económico e Social (CES), non se aceptou polos axentes sociais a pretensión que finalmente prosperou de permitir a actividade mineiro-extractiva en solo agrario, amosándose finalmente ás claras a connivencia do Goberno Galego coas multinacionais explotadoras de recursos mineiros.

 

Quen se beneficia da nosa destrucción?

 

ERIMSA, segundo a súa web “empresa gallega”, en realidade é a empresa de capital noruegués “Nor Kwarts”. O noso seixo, tan prezado para fabricar microchips e placas fotovoltaicas, vai beneficiar única e exclusivamente a esta empresa, que en todo o Estado non chega aos 100 empregados e empregadas e que na Terra Chá crearía todo o máis unha ducia de postos de traballo.

A cambio: reducir a base territorial das nosas explotacións e na maioría dos casos abocalas a pechar -pola dependencia que lles crearía dos insumos-, e modificar irreversíbelmente as especiais características do chan da nosa comarca

A valoración do seixo que se extraería -segundo o proxecto, ninguén vai poder comprobalo– ronda en 20 anos os 75.613.685 millóns de euros; sen cuantificar, por suposto, o valor engadido do seixo que se vai transformar integramente fora de Galiza e do Estado. E esta concesión poderíase prorrogar até 90 anos...

 

O noso seixo non é a súa mina.

 

seixo

 

Diante desta situación, a Comisión de Asociacións decidimos organizar unha nova xornada–festival o vindeiro sábado 22 de maio, no recinto de Moexmu (Mostra Exposición de Muimenta), para seguirmos coa nosa actividade de denuncia e demandar a anulación da solicitude de extracción de seixo na Terra Chá solicitada pola empresa ERIMSA.

Contaremos con actos informativos, co apoio de persoeiros públicos e coas actuacións musicais de grupos que tocarán de balde para apoiarnos.

Nas mesas redondas, salientar a asistencia -confirmada nestes días-, do presidente do Inituto Universitario de Geología Isidro Parga Pondal, Vidal Romani.

Esta entidade ten entre os seus obxectivos a realización de estudos de impacto ambiental realizados polas Obras Públicas e a Minería, a investigación sobre conservación de chans orientada cara á agricultura ou o medio ambiente e a avaliación de recursos naturais: minería, paisaxe, etc.

Todas e todos estades convidados a esta xornada de festa e reivindicación na Terra Chá. Sinalar que tamén foi convidado oficialmente o Presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijoo, mais inda non respostou, nin afirmativa nin negativamente, ao noso convite.

cartaz