A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Terra e Estruturas>
  4. O SLG anuncia unha época de loitas se non se retiran ou corrixen as Directrices de Ordenación do Territorio, a Lei de Augas de Galiza e a reforma da Lei do Solo

O SLG anuncia unha época de loitas se non se retiran ou corrixen as Directrices de Ordenación do Territorio, a Lei de Augas de Galiza e a reforma da Lei do Solo

15 de Novembro do 2010

Carme Freire

A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, ofreceu hoxe, 15 de novembro, unha rolda de prensa para explicar a oposición do SLG á modificación da Lei do Solo, á Lei de Augas de Galiza e ás Directrices de Ordenación do Territorio, cuestións todas elas que supoñen unha seria ameaza para as actividades agropecuarias, en especial; pero que tamén poñen en xaque dereitos da cidadanía, en xeral, coma o libre acceso á auga, a alimentación, ou os servizos públicos no medio rural.

En primeiro lugar, a modificación da Lei do Solo supón que os concellos e o partido que os goberne van ter liberdade para admitir instalacións de todo tipo (industriais, mineiras, urbanísticas, de ocio, etcétera) en solo de protección agropecuaria ou forestal. O SLG non está en contra de que haxa outras actividades, alén das agropecuarias, no medio rural; o que o SLG non vai consentir é que se utilice terra agraria para calquera fin menos para a de producir alimentos. Polo tanto, o SLG esixe a retirada inmediata e a non aprobación desta modificación da Lei do Solo, e que se preserven os solos de protección agropecuaria e forestal para a produción de alimentos, non só básica para nós, como produtores e produtoras, senón tamén básica para o pobo galego.

A segunda cuestión que é central para nós coma pobo e coma persoas é que a Xunta pretende privatizar un ben básico como a auga, que é de todos e de todas. A Lei de Augas de Galiza pretende que paguemos polo simple feito de vivirmos e de ter que beber auga para podermos vivir. Non pretenden cobrarnos polos gastos do subministro, nin polas infraestruturas necesarias para abastecer de auga á poboación; pretenden cobrarnos por ser persoas e por ter a necesidade de beber, con independencia de que as infraestruturas sexan públicas ou as pagásemos nós do noso peto na parroquia ou no lugar en que vivimos. Aínda que algúns partidos políticos aseguran que non se nos vai cobrar a nós, labregos e labregas, que nos van conceder exencións e bonificacións; o SLG manterá a súa oposición a privatizar un ben básico para calquera persoa como é a auga e realizará unha campaña de denuncia en toda Galiza.

Finalmente, as Directrices de Ordenación do Territorio (DOT), agora en fase parlamentaria, contemplan un deseño de país aniquilador para o medio rural. Para empezar, este documento esquece que en Galiza existe un espazo rural que sustenta actividades fundamentais como as agropecuarias ou a produción de alimentos. Tanto é así, que nin sequera existe un plan específico para o desenvolvemento das actividades agropecuarias nestas Directrices. As DOT debuxan unha Galiza co meirande do peso poboacional no eixo Coruña-Vigo e noutras grandes vilas e cidades, e teñen unha case nula consideración para cos pequenos concellos e núcleos, como aldeas e parroquias. Así, os grandes núcleos urbanos acaparan os servizos de maneira piramidal e xerarquizada, e se incide aínda mais no desmantelamento de servizos xa iniciado no medio rural.

A proposta do Sindicato Labrego Galego con respecto ás Directrices de Ordenación do Territorio pasa pola súa retirada e pola recuperación do plan de comarcalización de Galiza como documento base para a elaboración dunhas novas DOT. O plan de comarcalización de Galiza tiña unha consideración cara ao territorio moito máis natural e vertebradora e incluía a todos os pequenos concellos que sosteñen ao medio rural galego.

Ademais, o SLG presentou un conxunto de alegacións para que as DOT contemplen un respecto absoluto e a potenciación das terras agrarias, dedicando, polo menos, un terzo do territorio galego a superficie agraria útil, de maneira que se garanta a nosa alimentación coma pobo, a actividade profesional e humana dos labregos e das labregas, a dotación de servizos públicos de proximidade tanto para as explotacións como para as persoas que vivimos no rural, e a vertebración total do noso territorio.

Carme Freire 2 

Ficheiro adxunto