A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Terra e Estruturas>
  4. A Xustiza desestima o recurso de Erimsa contra Cospeito pola licenza para extraer cuarzo

A Xustiza desestima o recurso de Erimsa contra Cospeito pola licenza para extraer cuarzo

18 de Abril do 2011

Non hai imaxe

O xulgado do contencioso-administrativo nº 2 de Lugo vén de ditar sentenza desestimatoria en relación á demanda promovida pola empresa mineira Erimsa contra o Concello de Cospeito. Aínda que pode recorrer a sentenza, agora mesmo Erimsa non poderá obter licenza urbanística nin de actividade en Cospeito por silencio administrativo, tal e como pretendía tras solicitala e non obter resposta municipal.  

Erimsa ten tres concesións mineiras para extracción de cuarzo que afectan a preto de 6.000 hectáreas nos concellos de Cospeito, Castro de Rei, A Pastoriza, Vilalba, Abadín e Riotorto. A finais de 2008, solicitou as licenzas urbanística e de actividade en Cospeito, Castro de Rei e A Pastoriza. Os concellos non contestaron e Erimsa entendeu concedidas as licenzas por silencio administrativo. Nembargante, os consistorios, amparándose na Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural, afirmaron, entón, que non cabía entender o silencio administrativo como positivo, polo que Erimsa presentou recursos contencioso-administrativos nos xulgados de Lugo e demandou aos concellos afectados.

Agora, os tribunais veñen de dar a razón ao Concello de Cospeito e a varias persoas e entidades co-demandadas, coma Gonzalo Rodríguez Ferreiro, que compareceu en representación da Comisión; o Sindicato Labrego Galego; e varios gandeiros e gandeiras e veciños e veciñas. A Comisión contra as minas da Terra Chá celebrou a sentenza e expresou o seu desexo de que os contenciosos interpostos contra os concellos de Castro de Rei e A Pastoriza teñan igual desenlace.

A oposición ás minas na Terra Chá comezou en 2006, coas concesións feitas a Erimsa, e tivo e está a ter unha forte contestación do sector agrogandeiro. Isto é así por que as concesións aprobáronse sen ter en conta, entre outros, os intereses agrogandeiros na declaración de impacto ambiental. Isto é grave, pois nos terreos afectados hai zonas de regadío e de colonización. Tamén hai zonas afectadas concentración parcelaria e que, polo tanto, son de “utilidade pública e urxente execución”.