A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Terra e Estruturas>
  4. O Sindicato Labrego inicia en Cambre unha campaña para denunciar o incumprimento, por parte da Xunta, da lei que prohibe a forestación de terras agrarias

O Sindicato Labrego inicia en Cambre unha campaña para denunciar o incumprimento, por parte da Xunta, da lei que prohibe a forestación de terras agrarias

26 de Maio do 2011

Concentración en Cambre

O Sindicato Labrego Galego organizou hoxe, 26 de maio, na parroquia de Santa María de Vigo (Cambre), un acto de denuncia para chamar a atención sobre as forestacións de terras agrarias que se están a realizar en toda Galiza coa conivencia da Consellaría de Medio Rural.

Até Santa María de Vigo achegáronse titulares de explotacións de toda Galiza afectados e afectadas por este problema. O lugar de encontro foi unha finca de catro hectáreas que, até hai ben pouco, estaba dedicada á produción de pastos para o gando e que, recentemente, foi plantada toda ela de eucaliptos, a pesares de ser solo agrario e terse destinado recursos públicos para a concentración parcelaria da zona; deste feito levantouse acta notarial.

Esta plantación forestal, como outras moitas de Galiza, viola a Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais 3/2007, que impide as plantacións forestais nas inmediacións dos núcleos de poboación e que, no seu artigo 25b, prohibe expresamente “as repoboacións forestais en zonas adicadas a labradío, cultivo, prados ou pastos, con independencia da súa cualificación urbanística”. As denuncias de tipo administrativo que contempla a propia lei para o seu cumprimento téñense interposto a mancheas, tanto dende as propias explotacións como dende o Sindicato Labrego Galego, sen que, até o de agora, a Consellaría de Medio Rural movese un dedo para facer nada.

A secretaria xeral do Sindicato Labrego, Carme Freire, denunciou que “o que está a acontecer neste intre na Galiza é absolutamente denigrante. Hai unha lei que nos protexe, supostamente, dos incendios, impedindo que Galiza se converta nunha gran masa boscosa ao pé dos núcleos de poboación e que poña en perigo a estes en caso de incendio; e que prohibe a forestación de terras agrarias. Nembargante, coa total inhibición da Xunta, se están forestando terras de vocación agraria en todas as comarcas galegas. Ademais, se lles está usurpando ás explotacións do noso país a base territorial que necesitan para seguir producindo alimentos e para continuar coa súa actividade. En resume, a Lei contra Incendios Forestais está a ser incumprida flagrantemente pola Xunta de Galiza, que fai caso omiso das denuncias que se lle presentan, poñendo en perigo de incendio a moitos núcleos de poboación e hipotecando a viabilidade e futuro das nosas explotacións agrarias e gandeiras”.

Carme Freire explicou que “esta non vai ser unha acción illada” e que o Sindicato Labrego Galego “continuará denunciando todas as violacións da Lei contra Incendios das que teña constancia, pois non estamos dispostos e dispostas a que se fagan leis para que despois sexa a propia Administración quen as incumpra”.

Denuncia en Cambre

 

 

 

undefined

Ficheiro adxunto