A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Terra e Estruturas>
  4. A reforma da Lei de Montes do PP é un atentado contra as explotacións agrarias e gandeiras de Galiza

A reforma da Lei de Montes do PP é un atentado contra as explotacións agrarias e gandeiras de Galiza

10 de Xuño do 2011

Casa forestada

O Sindicato Labrego Galego quere expresar a súa máis enérxica repulsa contra o borrador da Lei de Montes que o Partido Popular vén de presentar por constituír un atentado en toda regra contra as explotacións agrarias e gandeiras deste país.


Con esta nova Lei de Montes que nos propoñen, deseñada en segredo nos despachos de San Caetano, e sen permitir a participación das organizacións e colectivos con intereses no monte galego; o PP anula o texto lexislativo anterior que si nacera dun amplo consenso do meirande dos axentes do sector e do Consello Forestal Galego, e que mesmo obtivera o beneplácito dos populares no Parlamento de Galicia.

A nova Lei de Montes do Partido Popular só será unha ferramenta útil para xeneralizar a invasión do eucalipto en todo o País, pois favorece a introdución masiva de cultivos de agromasa e enerxéticos nos nosos montes.

Pero, quizais, unha das modificacións máis graves, que vai comprometer de xeito irreversible o futuro dos nosos sectores agrarios e gandeiros, vai ser a posibilidade de cambiar o uso das terras de agrario a forestal. Como ben sabemos, as explotacións gandeiras de Galiza teñen un grave problema de cara a facerse con base territorial para producir os seus propios pastos e alimentación para o gando; tamén hai dificultades insalvables noutros sectores, como o do viño ou o da horta, cando se pretende ampliar a base territorial das explotacións. Agora, cunha nova Lei de Montes que abre a veda a plantar en terras de uso agrícola, até agora protexidas, as plantacións forestais terán vía libre para invadir as poucas praderías e leiras que quedan e farán imposible o exercicio da agricultura e da gandería na Galiza.

En resume, o Partido Popular vén de redactar unha Lei de Montes para beneficiar, ostensiblemente, ás grandes industrias madeireiras e de produción de celulosa, agrocarburantes e agromasa; a costa de comprometer o futuro e supervivencia dos nosos sectores agrarios e gandeiros.

Ademais, a nova lei pon en serio perigo á poboación do rural ao reducir a distancia de seguridade entre as masas forestais e os núcleos habitados a 30 metros. En calquera caso, de pouco ha servir a norma se, como até o de agora, a Xunta fai caso omiso ás denuncias e permite a infracción xeneralizada da lei, con plantacións feitas até o limiar das casas como denominador común.

Dende o Sindicato Labrego Galego anunciamos a nosa frontal oposición a este borrador da Lei de Montes. Fronte a esta visión do monte tan lesiva para o País, o SLG seguirá traballando e defendendo unha alternativa baseada na correcta ordenación dos nosos montes e do territorio para que formen parte da sociedade, en xeral, e da veciñanza do rural, en particular. O SLG négase a aceptar que os nosos montes se convertan na finca privada dunhas poucas industrias con licencia para esquilmar ao seu antollo en beneficio único e exclusivo das súas contas bancarias. Por iso, o SLG defende e defenderá unha política forestal que promova uns usos alternativos ou complementarios do monte que, historicamente, nos permitiron obter rendas intermedias ás familias labregas e aos e ás titulares de terreos e/ou aproveitamentos forestais, fomentando o uso social dos nosos montes para que estes sexan unha parte importante e insubstituíble do noso patrimonio cultural que temos o deber e a obriga de preservar.

Casa forestada