A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Terra e Estruturas>
  4. O Sindicato Labrego Galego leva a súa campaña contra a forestación ilegal de terras agrarias até Becerreá

O Sindicato Labrego Galego leva a súa campaña contra a forestación ilegal de terras agrarias até Becerreá

6 de Outubro do 2011

Forestación ilegal

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, acompañada do responsable da Dirección de Vacún de Carne na mesma organización, Xosé Luís López Galán, desprazáronse hoxe, 6 de outubro, até o municipio de Becerrea para denunciar, unha vez máis, a pasividade da Consellaría de Medio Rural, que está permitindo que se viole flagrantemente en toda Galiza a lei que prohibe forestar terras agrarias[1], e as normas que regulan as distancias dos plantíos forestais con respecto ás terras de labor e aos núcleos habitados.

En Becerrea, unha comitiva de labregos e labregas afectados e afectadas polas forestacións ilegais, visitaron as terras de Xosé Antonio López e Carmen García, que rexentan unha explotación de vacún de carne na parroquia de Vilar de Ousón. Os prados e leiras de Xosé Antonio e Carmen están invadidos por varias plantacións de piñeiro. Dado que as terras onde se realizaron estas plantacións forestais están cualificadas como “solo de especial protección agropecuaria”, onde está prohibido facer plantacións forestais, denunciárono diante das autoridades. Iso foi hai máis dun ano, pero aínda non obtiveron resposta ás súas demandas. Mentres, as plantacións de piñeiro, que chegan até os límites das súas terras e mesmo as invaden coas polas, asombran e empobrecen impunemente ducias de ferrados onde ás penas medra a herba e onde xa non poden plantar nada. Ademais, coas plantacións forestais ilegais, prosperan especies salvaxes coma o xabaril, que causan numerosos estragos e que obrigan a facer abondosos gastos para protexer cultivos como a pataca ou o millo con pastores eléctricos.

A outra explotación visitada foi a de Pilar Rodríguez Cando, tamén de vacún de carne, e que está en Acebo, lugar da parroquia de Penamaior. Alí, teñen o problema de que as plantacións de eucaliptos chegan até o limiar das casas. A Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais 3/2007 obriga, por motivos de seguridade, a que as plantacións forestais non poidan estar a menos de 50 metros dos núcleos habitados. Nembargante, en Acebo, como en moitos outras aldeas e parroquias de Galiza, está lei só é papel mollado, xa que se quebranta impunemente en todo o territorio galego sen que a Consellaría de Medio Rural faga nada por evitalo, nin sequera cando existen denuncias. De feito, o Sindicato Labrego Galego ten tramitado ou asesorado máis de cen denuncias por delictos como os devanditos que nunca obtiveron resposta.

A secretaria xeral do Sindicato Labrego, Carme Freire, denunciou que “o que está a acontecer neste intre na Galiza é absolutamente denigrante. Hai unha lei que nos protexe, supostamente, dos incendios, impedindo que Galiza se converta nunha gran masa boscosa ao pé dos núcleos de poboación que poña en perigo a estes en caso de incendio; e que prohibe a forestación de terras agrarias. Nembargante, coa total inhibición da Xunta, se están forestando terras de vocación agraria en todas as comarcas galegas. Ademais, se lles está usurpando ás explotacións do noso país a base territorial que necesitan para seguir producindo alimentos e para continuar coa súa actividade. En resume, a Lei contra Incendios Forestais está a ser incumprida flagrantemente pola Xunta de Galiza, que fai caso omiso das denuncias que se lle presentan, poñendo en perigo de incendio a moitos núcleos de poboación e hipotecando a viabilidade e futuro das nosas explotacións agrarias e gandeiras, tal e como puidemos comprobar hoxe en Vilar de Ousón e Acebo”.

A acción de denuncia levada a cabo hoxe en Becerreá contra a forestación ilegal de terras agrarias súmase ás xa feitas en Santa María de Vigo (Cambre, A Coruña), o pasado 26 de maio; e á feita no concello do Pino (A Coruña), o 19 de setembro. 

 

 

 

undefined

 

 

Forestación ilegal 1

Forestación ilegal 2



[1] O artigo 25 B da Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais 3/2007 prohibe expresamente “as repoboacións forestais en zonas adicadas a labradío, cultivo, prados ou pastos, con independencia da súa cualificación urbanística”