A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Terra e Estruturas>
  4. O SLG denuncia a privatización das masas comúns da parcelaria e do patrimonio das parroquias na Baña

O SLG denuncia a privatización das masas comúns da parcelaria e do patrimonio das parroquias na Baña

14 de Novembro do 2013

Praderías

A Consellaría de Facenda levou a cabo, o 12 de novembro, a cuarta poxa das fincas pertencentes ás masas comúns das diversas concentracións parcelarias que se fixeron no concello da Baña. Estas terras, que eran propiedade da Cámara Agraria Local e sumaban algo máis de 30 hectáreas, comezaron a venderse en outubro de 2012.

O Sindicato Labrego Galego foi crítico dende o comezo con este proceso, xa que as masas comúns derivadas das concentracións parcelarias son terras que foron cedidas pola veciñanza afectada para permitir a construción de infraestruturas e servizos ás fincas e, polo tanto, deberían seguir cumprindo unha finalidade que redundase en beneficio da propia veciñanza. Aínda que pertencían á Cámara Agraria Local, o uso destas terras era xestionado polas asociacións veciñais cada parroquia, que as alugaban ás explotacións gandeiras da zona a prezos baixos, proporcionándolles un doado acceso a unha base territorial extra. Ademais, eses alugueres revertían nas propias parroquias, que os utilizaban para investimentos necesarios como o mantemento dos locais sociais e outro tipo de obras.

Por desgraza, agora estas masas comúns están sendo privatizadas nun proceso de poxa sen ningún tipo de esixencia, por parte da Xunta de Galicia, para que a terra siga a ter a vocación agraria e social que tiña. Os temores do Sindicato Labrego Galego víronse confirmados onte ao ver entre os poxadores a executivos de traxe e maletín competindo polas fincas en representación de varias empresas. A falla de coñecer os resultados oficiais das vendas de onte, os da segunda poxa, celebrada en xaneiro de 2013, foron máis que significativos: só nesa ocasión, unha única empresa con sede na cidade da Coruña, que nada ten que ver con actividades agrogandeiras, adquiriu a terceira parte das terras licitadas ao facerse con seis das fincas máis grandes. En total, 97.374 m² repartidos nas parroquias de Suevos, Lañas e Barros, mercados por pouco máis de 60.000 euros que, con toda probabilidade, ficarán vedados para as explotacións gandeiras da zona. Esta cifra se incrementou moito coa poxa de onte a tenor das adquisicións realizadas polos “executivos de traxe e maletín”, que tamén se centraron en adquirir as fincas máis grandes. Os gandeiros da zona que participaron na poxa non tiveron nada que facer, xa que os prezos manexados non podían ser asumidos por explotacións que só necesitan a terra para uso agrario e non para especular con ela.

Nesta poxa das masas comúns das concentracións parcelarias da Baña, de novo puido máis o afán recadador da Xunta que traballar a prol do noso medio rural. Se a Xunta quixese apoiar con estas fincas a actividade agrogandeira e as parroquias da Baña, só tiña que devolverlle esas terras ás parroquias ás que pertencen para que seguisen tendo o uso agrario e social que estaban a ter. Por desgraza, iso xa non poderá ser, e nin as explotacións bañenses poderán seguir traballando esas fincas, nin as parroquias se beneficiarán da súa xestión. Trátase dun suma e segue na posición desta Xunta de Galiza, que deixa totalmente desprotexidas e ao alcance da depredación especulativa as terras agrarias do noso país. Deste xeito, terras de labor que deberían gozar da máxima protección e ter prohibido calquera uso distinto ao agrario ou á produción de alimentos, están hoxe inzadas de piñeiros e eucaliptos ou de parques eólicos para lucro dunhas poucas empresas papeleiras ou enerxéticas.

Praderías