A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Terra e Estruturas>
  4. O SLG critica a aplicación do IBI ás instalacións agrogandeiras do concello de Ordes

O SLG critica a aplicación do IBI ás instalacións agrogandeiras do concello de Ordes

15 de Novembro do 2013

Concello Ordes

No pleno municipal celebrado en Ordes, o 14 de novembro, o goberno municipal saíuse coa súa e aplicará, finalmente, o Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) ás instalacións agrogandeiras. Fíxose con nocturnidade, premeditación e aleivosía, ás 8:30 da mañá, mentres as familias damnificadas realizaban o muxido matinal das súas facendas. Como as desgrazas nunca veñen soas, a imposición do IBI faise despois dunha revisión dos valores catastrais dos inmobles que provocou aumentos desorbitados das taxacións, as cales redundarán directamente no incremento do IBI. Que o concello suavice o seu impacto cunha redución gradual da bonificación do 10% anual, non fai que a medida sexa menos inxusta.

Dende o Sindicato Labrego Galego avogamos pola aplicación e mantemento da bonificación do 95% do IBI que permite a lei, xa que as actividades agrogandeiras son das máis castigadas por todo tipo de custes e taxas que, directa ou indirectamente, acaban minguando notablemente os beneficios da profesión agraria e, en moitas ocasións, poñendo en perigo a súa viabilidade. Neste senso, cómpre lembrar un estudio da Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG) que revelou que, no ano 2012, os custes de produción levaron o 93% das rendas das explotacións (gasóleo, electricidade, abonos, pensos, etc.). Cómpre lembrar que moitos destes custes son tan elevados, precisamente, por estar gravados con impostos indirectos. Neste contexto, o Concello de Ordes faille un fraco favor ás explotacións agrogandeiras do municipio, cuxas rendas se verán aínda máis minguadas coa aplicación do IBI.

A escusa do concello é que ten dificultade técnica para aplicar a bonificación do IBI ás construcións gandeiras porque moitas aparecen valoradas xunto coa vivenda. Isto suporía, segundo o concello, ter que aplicarlle bonificación tamén á vivenda, causando un prexuízo ás familias que non teñen explotación. É dicir, coa escusa de non prexudicar a unha minoría -o 42'09% da poboación de Ordes vive directamente do sector primario, ao que habería que sumar outra porcentaxe elevada de poboación que vive ou se beneficia indirectamente das actividades agrogandeiras- prexudica á maioría. Cómpre ter en conta que as instalacións agrogandeiras concéntranse na zona rural, un espazo dotado con moitos menos servizos e infraestruturas en comparación coa vila e que, polo tanto, debería gozar de atenuantes que compensen as súas desavantaxes con respecto á poboación urbana de Ordes. A bonificación do IBI podería ter sido un deses atenuantes de ter querido o goberno municipal, pero ao final pesou máis a arela recadadora que pór en marcha políticas que favorezan o desenvolvemento rural e potencien o principal motor económico da comarca.