A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Terra e Estruturas>
  4. Graves erros no PXOM de Pol comprometen o futuro da actividade agrogandeira no municipio

Graves erros no PXOM de Pol comprometen o futuro da actividade agrogandeira no municipio

22 de Novembro do 2013

Escudo de Pol

O Sindicato Labrego Galego, a través da súa coordinadora na comarca de Meira, Begoña Sobrado Morán, rexistrou no Concello de Pol un documento con varias alegacións orientadas a mellorar a redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) en defensa das actividades agrogandeiras e para preservar e garantir o seu desenvolvemento no futuro.

En primeiro lugar, o plan exposto non permite coñecer a porcentaxe de superficie que fica como Solo Rústico de Protección Agropecuaria (SRPAG); parécenos de gran importancia que se teñan en conta eses datos, dado que a principal actividade do concello é a gandería de vacún de leite, e deberíase protexer e asegurar superficie suficiente para manter unha carga gandeira viable dende o punto de vista económico e medio ambiental.

Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), en Pol no ano 2011 había 11.122 cabezas de bovino, que poderíamos aproximar a 10.000 unidades de gando maior (UGM). Cunha carga gandeira de 2 UGM por hectárea, que é a esixida polas normas de condicionalidade para poder acceder ás axudas Política Agraria Común, deberían destinarse máis de 5.000 hectáreas a SRPAG. Segundo os datos do IGE de 2009, en Pol había xa 4.921 hectáreas de prados e terras de labor, polo que o PXOM debería catalogar como SRPAG máis de 5.000 hectáreas se o concello quere manter a base territorial das explotacións e unha previsión para a futura ampliación da mesma.

Ademais, dende o SLG instóuselle ao concello a articular mecanismos de protección da terra agraria para evitar que o SRPAG sexa invadido por cultivos enerxéticos leñosos, fundamentalmente plantacións de eucalipto de ciclo curto para abastecer centrais de biomasa. Para o SLG, este tipo de cultivos moi agresivos para a superficie agraria, de facerse, deberían ficar relegados a solos forestais e prohibidos en terras agrarias.

Outra das eivas do PXOM ten que ver coa protección das terras agrarias con respecto ás plantacións forestais. Para o SLG, o PXOM debe contemplar unha normativa que estableza unhas distancias mínimas de protección entre os cultivos forestais e as terras de labor e núcleos habitados. Neste senso, a proposta do SLG é que, tendo en conta o grande risco e incendio que presentan especies como o eucalipto e o piñeiro, debería haber unhas distancias de seguridade entre as plantacións destas árbores e as vivendas de 75 metros respecto de casas illadas e de 100 metros respecto dos núcleos de poboación. En canto á protección do SRPAG, as plantacións forestais limítrofes con terras de labor deberían ter autorizados só traballos de mantemento e roza, de maneira que non se permita volver a plantar árbores nesas parcelas agrícolas nin o rebrote de plantóns.

A diferenciación entre solo forestal e de protección agropecuaria que contempla o PXOM debería revisarse, porque se encontran discrepancias en zonas amplas respecto dos usos que certifica o Sistema de Identificación de Parcelas Agrícolas (SIXPAC) das mesmas. Así, descubrimos casos de zonas agrícolas de sempre, con terras arables ou praderías, que aparecen no PXOM como solo forestal. Isto provoca unha diminución do solo rústico de produción agropecuaria que afecta á base territorial das explotacións agrarias.

Dende o SLG, tamén chamamos a atención sobre a definición dos núcleos rurais, que deixan fóra moitas vivendas. Entendemos que o núcleo propiamente dito debe circunscribirse onde a concentración de vivendas sexa maior, pero a área de expansión do mesmo debería abranguer as casas dispersas, procurando que queden dentro do núcleo ou da área de expansión a maior parte posible.

Unha das eivas que máis chama a atención, no “Estudio del medio rural” que inclúe a empresa redactora do PXOM, é a enorme cantidade de datos erróneos que, cun mínimo de rigor se tería solucionado. Segundo o estudo de Monsa Urbanismo, empresa redactora do PXOM, Pol sería un municipio no que os cultivos máis destacados son o trigo e o centeo e a súa principal cabana gandeira a porcina. Só con consultar os datos publicados e de doado acceso do IGE, podemos saber que, en 2011, Pol tiña 300 reprodutoras de porcino fronte a 11.122 bovinos; tamén nos di o IGE que, en 2012, plantáronse en toda a comarca de Meira 17 hectáreas de cereais para gran, fronte a 6.630 hectáreas de cultivos forraxeiros coma o millo. En canto á cabana gandeira que hai no municipio, nin se nomea o número de reses.

Se cos animais non dan as contas, coas persoas menos. O estudo utiliza datos de 2003 e fala dunha poboación en Pol de 2.022 habitantes, mentres que os datos do IGE referentes a xaneiro 2012 falan de 1.794. Segundo o estudo de Monsa, as persoas menores de 15 anos en Pol “non chegan ao 16%”, o cal non deixa de ser certo, pois este grupo de idade só representa o 7’36% da poboación. Partindo dun estudo tan deficiente coma este, cuxos datos corresponden moitas veces aos dunha Galiza de mediados do século pasado, mal se pode planificar o futuro do medio rural do concello de Pol.