A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Soberanía Alimentaria>
  4. O SLG estivo presente nas mobilizacións mundiais descentralizadas contra o capitalismo e a guerra.

O SLG estivo presente nas mobilizacións mundiais descentralizadas contra o capitalismo e a guerra.

30 de Marzo do 2009

Rá!

Na Galiza, nace a Rá!: Rede Anticapitalista galega,  co obxectivo de xerar sinerxiras na procura dunha masa crítica que permita superar o sistema capitalista e as crises que o acompañan.

 

http://redeanticapitalista.org

     Tras a primeira edición do Foro Social Galego celebrada en decembro do 2008 en Santiago de Compostela, algunhas organizacións e persoas a título individual acordaron levar a cabo accións concretas dando lugar a un novo espazo de traballo conxunto: a Rede Anticapitalista galega, a Rá!, co obxectivo xerar sinerxías na procura dunha masa crítica que permita superar o sistema capitalista e as crises que o acompañan.

     A súa primeira acción-presentación, logo de ter participado na manifestación convocada pola rede cidadá Galiza non se Vende, teivo lugar o pasado sábado 28 de marzo ao fío das protestas enmarcadas na Semana de Acción Global contra o Capitalismo e a Guerra, do 28 de marzo ao 4 de abril, convocada pola Asamblea de Movementos Sociais reunida no Foro Social Mundial celebrado a principios deste ano en Belem do Pará. 

     Logo da súa constitución o pasado dazasete de xaneiro, a Rede Anticapitalista galega (Rá!) atópase integrada arestora polos colectivos ALTERMUNDO, AMARANTE, A BAIUCA VERMELHA, CEMMA, CGT PONTEVEDRA, CIG-SERVIZOS, ENXEÑEIROS SEN FRONTEIRAS, A GENTALHA DO PICHEL, IMPLICADAS NO DESENVOLVEMENTO, MEDICOS DO MUNDO, MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES, OSPAAAL, FORO INMIGRACIÓN, PANXEA, AIS O PETO, SINDICATO LABREGO GALEGO, SINERXIA, VERDEGAIA, VESPERA DE NADA, VETERINARIOS SEN FRONTEIRAS, WHIPALA, e A.C. XERMOLOS, ós que hai que engadir as adhesións a título individual.

     Esta converxencia de movementos sociais, organizacións civís e cidadás/áns na oposición ao sistema de dominación actual: o capitalismo, ten a vontade de constituír unha iniciativa plural e aberta cunha aposta transversal para combater a fragmentación de loitas mediante a presentación de opcións programáticas de resposta e proposta.

     A Ra! asume que a esquerda institucionalizada abandonou hai tempo os seus programas de transformación social, e subliña nos seus documentos base que non é unha plataforma eleitoral nen o trampolín de nengunha candidatura -non poden facer parte da rede estruturas partidarias nin cargos públicos-, senón unha iniciativa para levar a política á rúa.

     A súa organización interna baséase na metodoloxía asamblear, mediante a realización de plenarios e co establecemento de comisións de traballo que na actualidade abarcan tres eidos de acción: Estratexia, Articulación e Formación e Comunicación.

     Perante da crise de dimensións múltiples (traballo, de acceso aos alimentos, enerxética, medioambiental e financeira) que asolaga á sociedade civil a nivel global, os colectivos e persoas integrantes da Rede Anticapitalista denuncian que as solucións que nos están a impoñer desde o poder político-empresarial –máis libre comercio, máis cartos públicos para rescatar ós bancos, ó sector automobilístico e inmobiliario, máis oligopolios, máis transxénicos, etc.– tratan de agochar que a crise é produto do sistema capitalista e do neoliberalismo.

     As finanzas desregulamentadas destrúen as sociedades, sendo nas crises agudas como a que estamos a padecer agora, nas que se revelan brutalmente os incríbeis excesos da cobiza especulativa e as súas repercusións.

     A Rá! quere chamar a atención sobre o feito de que a Galiza non é allea a este ataque, xa que a crise vén agravar a situación creada polas políticas neoliberais dos distintos gobernos que pasaron polo noso país: desestruturación social, crecemento da precariedade laboral, desmantelamento de infraestruturas claves de vertebración territorial e de transporte sostíbel, recorte nos servizos públicos, proceso de desertización do mundo rural e de liquidación das pequenas e medianas explotacións agrogandeiras familiares, desmantelamento do tecido produtivo mariño, políticas de agresión ao medio ambiente.

     A Rede Anticapitalista aposta por reciclar a actual crise económica mundial nunha oportunidade histórica de transformación social. Mentres os/as líderes mundiais pretenden refundar o capitalismo, os movementos sociais haberán de abordar o calendario e os instrumentos para converter o 2009 nun ano de acción global contra o capitalismo con resultados efectivos e non só efectistas.

     A Rede Anticapitalista aúna esforzos nunha loita transversal pola elaboración de novas políticas “que antepoñan os dereitos presentes e futuros da humanidade aos intereses do capital”:

 

- Dereito á soberanía alimentaria dos pobos

- Dereito a un traballo e a unha vida digna e contra a precariedade laboral e as novas formas de escravitude

- Remuneración correcta do traballo

- Deslexitimación das políticas económicas e sociais que reporducen as estructuras patriarcais

- Defensa e extensión dos servizos públicos

- Mantemento dos valores ambientais (especies e espazos), dos recursos naturais (auga, sementes…) na esfera do público

- Dereito ao medio ambiente fronte ás agresións ao territorio

- Sustentabilidade enerxética

- Defensa das liberdades e novas formas de participación democráticas

- Defensa dos dereitos humanos, a multiculturalidade e a paz

 

Nós, a Rede Anticapitalista, apoiamos unha transformación imprescindible e de longo alcance do sistema económico e financeiro internacional. Non nos resignamos. Cremos que o cambio do mundo é posible! A cidadanía galega xunto cos seus movementos sociais, que en momentos recentes demostrou ter unha gran capacidade de mobilización e dignidade, non vai quedar parada e vai participar na revolta global que xa comezou nos países do Sur e tamén aquí. Por outra Europa social, dos pobos e non das multinacionais.”

 REDE ANTICAPITALISTA

 

Colectivos que conforman a RA:

 

ALTERMUNDO, AMARANTE, A BAIUCA VERMELHA, CEMMA, CGTPONTEVEDRA, CIG-SERVIZOS, ENXEÑEIROS SEN FRONTEIRAS, A GENTALHA DO PICHEL, IMPLICADAS NO DESENVOLVEMENTO, MEDICOS DO MUNDO, MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES, OSPAAAL, FORO INMIGRACIÓN, PANXEA, AIS O PETO, SINDICATO LABREGO GALEGO, SINERXIA, VERDEGAIA, VESPERA DE NADA, VETERINARIOS SEN FRONTEIRAS, WHIPALA, A.C.XERMOLOS

 

 

http://www.galiciae.com/nova/27865.html

http://www.lavozdegalicia.es/dinero/2009/03/26/00031238093072932588909.htm 


APresentación da Rá! Praza das Praterías 28 de marzo 09  

Ficheiro adxunto