A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Soberanía Alimentaria>
  4. Xornadas Galegas de Soberanía Alimentar

Xornadas Galegas de Soberanía Alimentar

25 de Febreiro do 2010

ISAP

Os vindeiros 27 e 28 de febreiro terán lugar na Faculdade de Filosofía da USC (Praza de Mazarelos, Compostela) as Xornadas Galegas de Soberanía Alimentar, organizadas pola Iniciativa pola Soberanía Alimentaria dos Pobos (ISAP), da cal o Sindicato Labrego Galego forma parte.

A soberanía alimentar foi definida no Foro de Nyéléni1 —celebrado en Sélingé, Mali, en Febreiro de 2007—, coma “o direito dos pobos a alimentos nutritivos e culturalmente apropiados, acesíbeis, producidos de forma sustentábel e ecolóxica, e o seu direito a decidir o seu propio sistema alimentar e produtivo”.

Este concepto vai máis aló, polo tanto, do que coñecemos como “seguridade alimentaria”, manexado polo meirande dos países, xa que a soberanía alimentaria non é somentes ter comida, senón que esta ten que ser sana e xusta para quenes a comen e quenes a producen.

A soberanía alimentaria é defendida por organizacións de todo o mundo —labregas, de poboacións pescadoras, indíxenas, feministas, ecoloxistas e de consumo responsábel— como a alternativa ao actual sistema industrial de produción, (que implica transxénicos, pesticidas, agricultura intensiva...) distribución (accedemos a alimentos que, malia a poder ser producidos aquí, son transportados dende milleiros de kilómetros, co conseguinte impacto medioambiental) e comercialización (impóñennos cada vez máis o consumo nas grandes superficies, xestionadas por un pequeno pero poderoso monopolio a nivel mundial que especula cos alimentos, beneficiándose das subidas no prezo aos consumidores/as3 e da baixada no pagado aos produtores e produtoras4).

 O tratamento que o comercio internacional dá aos alimentos seméllase cada vez máis ao do petróleo. Por unha banda, o precio mundial dos alimentos decídese en grande parte no Mercado de Futuros de Chicago. Un marco regulamentario especulativo que no 2008 (o ano da triple crise: económica, enerxética e alimentaria) proporcionou ás grandes empresas de alimentos un incremento medio de beneficios do 45%5.

Por outra parte, a deslocalización da produción alimentar duns países a outros, coñecida como “acaparamento de terras” (land-grabbing)6, e que implica producir alimentos nun país para alimentar ás/aos habitantes doutro, atópase xa tan extendida que o propio director da FAO, o senegalés Jacques Diouf, declarou o 10 de setembro ao Wall Street Journal a existencia dunha “alerta do neocolonialismo de terras nos países do Sur por especuladores con materias primas e alimentos”.

Así as cousas, non sorprende que a soberanía alimentaria sexa xa recoñeceido coma dereito constitucional en países coma Bolivia, Ecuador7 ou o Nepal, xa que fica claro que sen soberanía alimentaria é imposíbel a soberanía dos pobos8, posto que dependeríamos para alimentarnos, para vivir, das decisións de empresas privadas ou dos gobernos doutros países.

 

Compostela, 27-28.

 cartaz isap

A democratización da alimentación, as relacións Norte-Sul e a fame, o impacto do modelo agroindustrial sobre a mudanza climática, as dificuldades e alternativas en marcha para vivir da terra e o mar, a situación e expectativas do consumo responsábel, así como a situación concreta na Galiza, Mozambique e Chile son algúns dos temas que se abordarán entre o 27 e 28 de febreiro en Compostela.

A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego (integrado na Vía Campesina) Carme Freire, canda Paul Nicholson, actor fundamental na conferencia de Nyéléni en representación da Vía Campesina, encetarán as xornadas expoñendo a soberanía alimentar como unha ferramenta democratizadora da alimentación.

A chilena Florencia Aróstica, dirixente da Asociación Nacional de Mujeres Rurales e Indígenas, e o mozambicano Luis Mário Muchanga, da União Nacional de Camponeses, organizacións tamén integradas na Vía Campesina internacional exporán a situación nos seus países. Os investigadores Ferrán Garcia (Veterinarios Sen Fronteiras/No Te Comas el Mundo) e Mónica Vargas (Observatorio de la Deuda en la Globalización), falarán sobre a relación entre o modelo alimentar, a mudanza climática e as relacións Norte-Sul.

Ademais, tres mesas redondas servirán para nos achegar a como é “Vivir da terra” (coas experiencias do Grelo Verde, Monte Cabalar e Leite Crú O Alle), “Vivir do mar” (con Mar de Lira, Algamar e a Confraría de Cangas) e “Vivir sen devorar” (co Proxecto Amorodo/Lentura e a Rede Galega de Consumo Consciente e Responsábel).

 

NOTA: Por mor da previsión meteorolóxica fica ADIADO o Mercado pola Soberanía Alimentaria que ía ter lugar na Praza de Mazarelos.

 

1 http://www.nyeleni.org/?lang_fixe=ok&lang=es

2 http://www.youtube.com/watch?v=2AZ3LdWMCUA

3 http://news.bbc.co.uk/hi/spanish/business/newsid_7364000/7364465.stm

4 http://www.rebelion.org/noticia.php?id=81504

5 [30 de abril do 2008] La inflación alimentaria crea una bonanza para firmas como Nestlé, ADM y Danone. Wall Street Journal. http://www.archivochile.com/carril_c/ccrecomendamos0000039.pdf

6 http://farmlandgrab.org/tag/espanol-language

7[16 de Novembro] A. Latina: ¿hacia la soberanía alimentaria?

http://www.bbc.co.uk/mundo/america_latina/2009/11/091009_soberania_alimentaria_pea.shtml

8[13 de Novembro do 2009] Foro Paralelo dos pobos: Abonda de palabras, poñamos en marcha a soberanía alimentaria! http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=9&i=411

 

*Arquivo para descarregar: programa das xornadas e información das e dos conferenciantes.

Ficheiro adxunto